Estás en:Novas

A Asociación de Veciños de San Salvador de Padreiro (Santa Comba) mellora a súa sede co apoio da Deputación

A entidade recibiu unha axuda de 17.234 € para renovar a cuberta do seu local social

A deputada de Medio Rural, Cristina Capelán, destaca o papel fundamental das entidades veciñais para dinamizar o rural

A Asociación de Veciños de San Salvador de Padreiro (Santa Comba) mellora a súa sede co apoio da Deputación

A deputada de Medio Rural da Deputación da Coruña, Cristina Capelán Cancelo, visitou a sede da Asociación de Veciños de San Salvador de Padreiro, no concello de Santa Comba, onde a entidade está levando a cabo obras de mellora consistentes na renovación integral da cuberta do seu local social, situado fronte á igrexa.

A actuación é posible grazas a unha achega de 17.234 euros da Deputación ao abeiro do programa de subvencións de promoción económica, que ten como obxectivo apoiar o tecido asociativo e fomentar a actividade económica e social no rural.

Durante a visita, Capelán estivo acompañada por representantes da asociación, cos que mantivo unha conversa para coñecer de primeira man as necesidades actuais da entidade, así como as actividades que desenvolven ao longo do ano, centradas na dinamización social, cultural e deportiva da parroquia.

A deputada destacou a importancia das asociacións veciñais como axentes imprescindibles para manter viva a vida no rural: "Son entidades que, coa súa implicación e compromiso, promoven o encontro e manteñen vivos os lazos sociais da veciñanza nas parroquias. Desde a Deputación queremos estar ao seu lado e apoiar o seu traballo diario", apuntou.

Neste sentido, Cristina Capelán puxo en valor o impacto positivo das axudas provinciais ás asociacións veciñais do rural, "que permiten mellorar infraestruturas como esta e dotar de recursos ás asociacións para que poidan seguir desenvolvendo a súa actividade".

A Asociación de Veciños de San Salvador de Padreiro é un exemplo do dinamismo do tecido asociativo no rural. A actuación permitiralles dispor dun espazo renovado e máis funcional para seguir organizando actividades abertas á veciñanza.