Estás en:Novas

A Deputación da Coruña entrega os III Premios Xoán Vicente Viqueira de Investigación en Ciencias Sociais

A deputada de Educación e Mocidade, Yoya Neira, e a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pére, participaron no acto de entrega dos galardóns, que recoñecen a excelencia investigadora con carácter humanista e compromiso social

O catedrático de Psicoloxía da USC Jorge Sobral e os arquitectos da UDC Patricia Muñiz e Vicente Adrián López, gañadores do galardón

A Deputación da Coruña entrega os III Premios Xoán Vicente Viqueira de Investigación en Ciencias Sociais

A Deputación da Coruña acolleu este martes o acto de entrega da III edición dos Premios Xoán Vicente Viqueira de Investigación en Ciencias Sociais, un certame que recoñece o labor de persoas e entidades que destacan pola súa traxectoria no eido das ciencias sociais, as humanidades, a sustentabilidade e a innovación social.

A deputada de Educación e Mocidade, Yoya Neira, e a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, foron as encargadas de entregar os premios, que levan o nome do filósofo, psicólogo e escritor Xoán Vicente Viqueira, figura clave do galeguismo e da renovación pedagóxica. A través deste galardón, a Deputación rende homenaxe ao seu legado humanista e comprometido coa lingua, a igualdade e a educación ao longo de toda a vida.

Nesta edición, o xurado recoñeceu a traxectoria de tres investigadores que representan con claridade ese espírito:

Jorge Sobral Fernández, catedrático de Psicoloxía da USC e referente na psicoloxía xurídica e a criminoloxía, recibiu o premio á traxectoria de vida dedicada á investigación. A súa contribución vai máis alá do ámbito académico, cun importante labor de divulgación sobre cuestións como a saúde mental xuvenil, a violencia de xénero ou o papel das persoas maiores na sociedade.

Patricia Muñiz Núñez, doutora e docente na UDC e fundadora do Estudio MMASA, foi recoñecida pola súa innovación científica centrada en vivenda de transición para persoas desprazadas por guerras, catástrofes naturais ou o cambio climático. O seu traballo levouna a Siria, Xordania ou Libia, pero tamén a Paiporta e outras poblacións afectadas pola DINA en Valencia. O xurado salientou o alto nivel de transferencia e utilidade social da súa investigación.

Vicente Adrián López Chao, tamén arquitecto da UDC, gañou o premio ao mellor traballo realizado por unha persoa investigadora nova. A súa obra sobre centros educativos sostibles amosa un enfoque interdisciplinar que conecta arquitectura, educación e psicoloxía ambiental, partindo da convicción de que o espazo onde se aprende é clave para o benestar de alumnado e profesorado.

Estes premios, dotados con 6.500 euros en cada unha das súas modalidades, foron instaurados para dar continuidade ao espírito de Xoán Vicente Viqueira , quen foi presidente das Irmandades da Fala na Coruña e formouse na Institución Libre de Ensino, paradigma dunha educación integral ao servizo do progreso social.

Segundo destacou Yoya Neira, "os tres premiados desta edición son dignos herdeiros do pensamento de Xoán Vicente Viqueira, pois representan un compromiso decidido coa investigación en ciencias sociais e a súa vocación transformadora, ao servizo da sociedade".

A alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, reivindicou a orixe bergondesa de Viqueira e sinalou que os premiados hoxe "comparten tamén esa mesma paixón pola investigación e o avance do coñecemento".