A Deputación presenta en Cabanas o inventario de recursos turísticos e o manual do investidor da Comarca do Eume
O acto de presentación terá lugar o luns 12 de maio ás 10:30 h na Escola Laica do Concello de Cabanas
Trátase dunha acción que forma parte do Plan de sostibilidade turística en destino "Fragas do Eume", promovido pola Deputación da Coruña e financiado con fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU
O Inventario de Recursos Turísticos recolle unha análise exhaustiva do patrimonio natural, cultural e etnográfico do Eume, establecendo as bases para unha xestión turística estruturada e aliñada coas tendencias do sector

O luns 12 de maio, ás 10:30 h, a Deputación da Coruña celebrará na Escola Laica do Concello de Cabanas a xornada de presentación do "Inventario de recursos turísticos e o manual do investidor da Comarca do Eume".
Este traballo, desenvolto no marco do Plan de sostibilidade turística en destino "Fragas do Eume", promovido pola Deputación da Coruña e financiado con fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU, supón un avance chave para a planificación estratéxica do turismo na comarca.
O Inventario de Recursos Turísticos recolle unha análise exhaustiva do patrimonio natural, cultural e etnográfico do Eume, establecendo as bases para unha xestión turística estruturada e aliñada coas tendencias do sector. Pola súa banda, o Manual do Investidor ofrece información chave para potenciar a captación de investimento en proxectos turísticos, destacando as fortalezas do destino e as oportunidades de negocio.
Este proxecto reforza o compromiso da Deputación e os municipios do Eume cun modelo de turismo sostible, baseado na valorización do territorio, a diversificación da oferta e a atracción de iniciativas empresariais respectuosas coa contorna.
O evento contará coa presenza de representantes institucionais, axentes turísticos e empresariais, que poderán coñecer de primeira man as conclusións do estudo, así como as oportunidades de investimento e desenvolvemento sostible identificadas no territorio.