A Coruña converterase en capital mundial da creación dixital coa nova edición de Mundos Digitales
O evento celebrarase do 3 ao 5 de xullo en Palexco, con preto de 70 relatoras e relatores internacionais, proxeccións, encontros profesionais e feira de emprego
O director de Deadpool, Tim Miller, será homenaxeado cun premio especial

A Coruña acollerá entre o 3 e o 5 de xullo unha nova edición de Mundos Digitales, o Congreso Internacional de Animación, Efectos Visuais e Novos Medios, consolidado como unha das citas máis relevantes do panorama audiovisual internacional. O evento, con sede en Palexco, reunirá a preto de 70 profesionais de prestixio, nacionais e internacionais, que compartirán os seus coñecementos e experiencias arredor da creación dixital.
O congreso foi presentado esta mañá na Cidade das TIC, no plató virtual Coruña Estudo Inmersivo (CEI), promovido pola Deputación da Coruña e xestionado polo grupo Pedralonga. No acto participaron representantes institucionais como o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, o director de AGADIC Jacobo Sutil e o deputado portavoz do goberno provincial, Bernardo Fernández, en representación da Deputación da Coruña.
Fernández agradeceu a organización de Mundos Dixitais, destacando que "este congreso internacional, que cumpre xa 23 edicións, é un evento de referencia para a industria audiovisual a nivel nacional e un dos máis importantes a nivel europeo".
O deputado puxo en valor o auxe do sector audiovisual en Galicia, que representa xa o 28 % da industria cultural galega, con máis de 4.500 empregos, 411 millóns de euros de facturación e 707 empresas, das cales o 76 % están na provincia da Coruña. "Estamos a falar dun sector estratéxico, con empresas líderes na industria do cine, as series, a animación ou os videoxogos, e cun enorme potencial de crecemento que desde a Deputación acompañamos con proxectos e investimentos de gran envergadura", subliñou.
Entre estes proxectos, destacou o Coruña Estudo Inmersivo, o maior plató de produción virtual en tempo real de España. "Este estudo está a situar ao sector virtual galego na vangarda internacional, ao tempo que atrae talento, empresas e rodaxes á nosa provincia", sinalou.
Tamén fixo referencia ao impulso de talento emerxente co Laboratorio Audiovisual Ames LAB, á colaboración con centros educativos a través de obradoiros de animación e IA, e á organización do I Encontro Internacional "Virtual Production Collective", que se celebrará no propio plató durante Mundos Digitales. "Este encontro reunirá aos profesionais máis destacados da produción virtual nun espazo único para compartir experiencias, tecnoloxías emerxentes e coñecemento especializado", explicou.
O director do congreso, Manuel Meijide, destacou que "A Coruña está a consolidarse como o epicentro da creación dixital en España e un referente para a industria audiovisual europea".
Un programa que explora os límites da tecnoloxía
A produción virtual será un dos eixos centrais da edición, con relatorios sobre proxectos pioneiros como El Eternauta, Parenostre ou Los que van a morir. Nesta edición, o congreso recoñecerá co Premio Especial ao director Tim Miller, responsable de títulos como Deadpool, Terminator: Dark Fate ou a antoloxía Love, Death & Robots.
Mundos Digitales tamén presentará o proxecto "AI Assemble", unha nova asociación que busca aplicar a intelixencia artificial nas industrias creativas desde unha perspectiva tecnolóxica, ética e xurídica.
A animación manterá un protagonismo destacado, con presentacións de títulos como Lilo & Stitch, House of the Dragon ou Adolescence, e coa marca transmedia Yugibao como imaxe desta edición.
O evento conta co apoio da Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, AGADIC, a Universidade da Coruña, o Clúster Audiovisual de Galicia, o Clúster TIC Galicia e Acción Cultural Española a través do programa PICE.