A Deputación da Coruña destina 225.000 euros para apoiar a 73 entidades agrarias e forestais da provincia
As axudas destinanse a actividades de desenvolvemento do medio rural, conservación do monte e a protección das razas autóctonas

A Deputación da Coruña vén de aprobar provisionalmente un total de 73 subvencións, cun importe global de 224.976,76 euros, destinadas a entidades asociativas agrarias, gandeiras e forestais da provincia. Trátase da convocatoria anual de axudas FO028A para o ano 2025, coa que a institución provincial busca apoiar o desenvolvemento do medio rural, a conservación do monte e a protección das razas autóctonas.
As subvencións distribúense en dous eixos de actuación. No Eixo 1, recibirán axuda 16 entidades para proxectos de impulso ao uso de tecnoloxías agrarias, a economía circular, a comercialización de produtos do campo, a mellora xenética ou a conservación de razas autóctonas como o Porco Celta, a Galiña de Mos ou o Cabalo de Pura Raza Galega.
No Eixo 2, concédense subvencións a 57 comunidades de montes veciñais e outras entidades forestais para actuacións silvícolas de prevención de incendios, como desbroces, rozas, podas, clareos, retirada de biomasa, así como proxectos de protección do patrimonio natural e cultural vinculado ao monte. Estas actuacións inclúen tamén investimentos en melloras de accesos, sinalización e recuperación de camiños tradicionais.
Segundo explicou a deputada responsable da área de Mar e Agro, Cristina Capelán, o importe total concedido ascende a 224.976,76 euros e "contribuirá a apoiar o traballo de entidades do rural en ámbitos clave como a xestión sostible do territorio, a posta en valor do monte e a mellora da calidade de vida no rural".
Con esta liña de axudas, a Deputación da Coruña reafirma o seu compromiso co apoio ao sector primario e ás comunidades do rural, contribuíndo á dinamización económica, a prevención de incendios e a conservación dos recursos naturais do territorio.