Estás en:Novas

Porto-Muíños, Dinahosting e OpSeeker Tech gañan os premios PEL da Deputación ás mellores iniciativas empresariais coruñesas

A Deputación da Coruña concedeu esta noite os galardóns da II Edición dos Premios ás Mellores Iniciativas Empresariais da Provincia, nun acto celebrado no Pazo de Exposicións e Congresos da Coruña (PALEXCO), que contou coa presenza do presidente provincial, Valentín González Formoso; o deputado responsable da área de Economía e Emprego, José Luis García; o presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, Antonio Fontenla, así como numerosos alcaldes e representantes do mundo empresarial da provincia.

A empresa OpSeeker Tech, con sede en Ames, foi galardoada co distintivo de Mellor Iniciativa Empresarial Nova, mentres que a cercedense Porto-Muíños recibiu o galardón á Mellor Iniciativa Empresarial Consolidada e a santiaguesa Dinahosting obtivo o premio á Mellor Iniciativa Socialmente Responsable. Cada unha das premiadas recibiu un trofeo de olería de Buño, un diploma acreditativo e 25.000 euros en metálico.

A esta segunda edición dos premios provinciais ás mellores iniciativas empresariais presentáronse un total de 78 candidaturas de toda a provincia e de ámbitos de actividade moi variados, destacando ás dedicadas ás novas tecnoloxías da información e a programación informático, así como as empresas de servizos de enxeñaría e consultoría, comercio en liña e alimentación, hostalería, cosmética e estética, educación, turismo e actividades de servizos sociais.

A innovación e o emprendemento, claves do futuro

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, foi o encargado de entregar os galardóns ás tres empresas, das que destacou a "gran capacidade de innovación e unha aposta decidida pola calidade, o fomento de boas prácticas de xestión empresarial, a internacionalización e a aplicación de políticas de responsabilidade social corporativa" .

González Formoso agradeceu ás tres empresas "que plantasen a súa semente na provincia da Coruña, impulsando e diversificando o tecido empresarial" e salientou especialmente a orixinalidade das ideas de negocio, que aproveitan os recursos da provincia e buscan novos nichos de mercado. "Nun mundo onde parece que todo está inventado, Dinahosting, OpSeeker e Porto-Muíños amosan que arredor de nós aínda temos novas vías que explorar", afirmou.

Neste sentido, o presidente provincial explicou que, entre os obxectivos do certame convocado pola Deputación, atópanse o estímulo ao emprendemento e o recoñecemento "aos máis de 100.000 emprendedores, autónomos, empresarios e empresarias dos concellos coruñeses, que co seu traballo diario contribúen a xerar emprego, oportunidades e crecemento".

"Na Deputación da Coruña, queremos que a nosa acción política se entenda indiscutiblemente ligada á creación e promoción do emprego", afirmou o presidente provincial, destacando o Plan de Emprego Local (PEL) no que se inscribe o galardón entregado hoxe. "O PEL multiplica por 6 os recursos que a institución provincial viña destinando ao emprego, investindo 30 millóns de euros para apoiar aos concellos na contratación, respaldar o emprendemento e impulsar ás pequenas e medianas empresas en todos os concellos da provincia", explicou González Formoso.

Pola súa banda, Antonio Fontenla, presidente da Confederación de Empresarios da Coruña e tamén presidente do xurado, agradeceu á Deputación da Coruña o impulso a "unha brillante iniciativa que valoriza a innovación, o esforzo e a responsabilidade social das nosas empresas" e destacou o elevado nivel das empresas que concorreron aos premios.

Asemade, Fontenla subliñou o "esforzo, imparcialidade e profesionalidade" de todos os membros do xurado, composto por José Manuel Cotos, adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento da USC; José Andrés Faíña, presidente do Grupo de investigación de Competencia e Desenvolvemento da Unión Europea da UDC; Carlos Fernández Bermúdez, vicepresidente da Cámara de Comercio da Coruña; Fernando Barros Fornos, secretario da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela; Miguel Miragaya, presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios da Coruña; Isabel Ferro, xerente de I+D na empresa Calvo e José Sierra, presidente de honra de UROVESA.

OpSeeker Tech, Porto-Muíños e Dinahosting, exemplos de innovación e boas prácticas de xestión na provincia

As tres empresas premiadas pola Deputación destacan pola orixinalidade da idea de negocio, as posibilidades de crecemento e expansión e a incorporación de boas prácticas de xestión tanto na inserción laboral das persoas con maior dificultade para atopar un traballo coma na colaboración con asociacións e entidades para promover proxectos que contribúan ao desenvolvemento socioeconómico dos concellos coruñeses.

No caso de OpSeeker Tech, destaca por ter como misión a mellora da saúde financeira das empresas e das persoas particulares. Mediante unha serie de ferramentas en liña, OpSeeker desenvolve un labor pedagóxico para que as persoas comprendan a xestionar de modo responsable os seus aforros. Con este obxectivo, a empresa amiense desenvolveu unha app que simula investimentos en bolsa e movementos de capitais con diñeiro ficticio. Deste modo, establecen patróns de comportamento para cada usuario que axuda a detectar erros e a aprender a investir adoptando boas prácticas financeiras.

Ademais este proxecto empresarial foi considerado por "Business Insider" como unha das 15 startups que se deben seguir en 2018.

En canto a Porto-Muíños, trátase dunha empresa familiar situada en Cerceda que comezou a súa andadura en 1998 comercializando algas. Nos seus primeiros anos, procesábanas para a súa venda en deshidratado e conserva. Actualmente tamén se poden atopar os seus produtos en po, salgadura e en fresco. As súas algas distribúense por toda a xeografía española e en distintos países dos cinco continentes.

Porto-Muíños dedícase tamén á elaboración doutros produtos autóctonos das costas galegas: conservas de ovas de ourizo de mar, fígado de rape, mexillóns con algas ou infusións, entre outros produtos.

Ademais, Porto-Muíños destaca pola súa implicación na conservación da diversidade biolóxica do medio mariño, a súa fonte de subministración. Por este motivo, ten especial coidado na sustentabilidade dos recursos que explota e colabora co Departamento de Bioloxía Vexetal da Universidade da Coruña e co Instituto Oceanográfico de Santander para investigar e desenvolver técnicas de cultivo que contribúan á súa preservación.

Por outra banda, a empresa compostelá Dinahosting, premiada na nova categoría de mellor iniciativa empresarial socialmente responsable, dedícase á xestión de aloxamento web e dominios, poñendo á disposición dos usuarios diversas ferramentas e servizos para facilitar a dixitalización e o desenvolvemento de proxectos en liña.

Entre as medidas de responsabilidade social empresarial implantadas por esta empresa destacan o seu Plan de Igualdade, a aposta polo emprego de calidade mediante a contratación indefinida da práctica totalidade de cadro de persoal, a preocupación e o coidado dos seus traballadores, a constitución dun Comité de Ética, a súa colaboración coa Fundación para a discapacidade e emprego Xoán XXIII dándolle aloxamento web gratuíto e facendo unha doazón anual de 20.000€ ou a colaboración con Paideia, con numerosos centros de FP e a USC para a inserción da xuventude no mundo laboral.

Ademais, Dinahosting vén de lanzar unha campaña de colaboración coa Asociación de Montes do Mancomún de Vincios (Gondomar), para axudar no repoboamento das áreas afectadas pola vaga de lumes que afectou a Galicia, e moi especialmente á provincia de Pontevedra, o pasado ano.

Do mesmo modo, Dinahosting ten en marcha accións e proxectos para loitar contra a violencia machista, promover do deporte, fomentar hábitos alimentarios saudables e patrocinar máis de 300 webs con fins sociais.

Páxinas suxeridas