O CEI da Deputación acolle a emisión de Hora 25, da Cadena Ser, para abordar o futuro da industria audiovisual galega
No programa, conducido por Aimar Bretos, participaron o presidente Valentín González Formoso e os produtores e reprsentantes do Cluster Audiovisual Galego, Alfonso Blanco e Emma Lustres
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou na noite de onte no programa Hora 25 da Cadena Ser, que se emitiu en directo dende o Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o maior plató de produción audiovisual de España e un referente tecnolóxico para o país.
Durante a emisión, conducida por Aimar Bretos, Formoso estivo acompañado por Alfonso Blanco e Emma Lustres, representantes do Clúster Audiovisual Galego. Nunha amena conversa, o presidente destacou o papel estratéxico desta nova infraestrutura impulsada pola entidade provincial para que "as numerosas miniprodutoras coas que contamos en Galicia poidan traballar e desenvolver os seus proxectos", sinalou.
Nesta liña, púxose en valor a capacidade do CEI para recrear escenarios e mundos inexistentes, permitindo rodaxes que serían imposibles noutras condicións e abrindo novas posibilidades narrativas e creativas para os profesionais.
O proxecto contou cun investimento de máis de nove millóns de euros, dos que seis foron achegados polo Estado, e que xa está a demostrar o seu retorno: "hai previsión de traballo para todas as semanas do próximo ano", sinalou Formoso. "No festival de cine de San Sebastián fomos conscientes de que esta era unha infraestrutura moi demandada, por iso imos seguir insistindo na súa promoción". O presidente salientou que este éxito foi posible grazas á "colaboración entre institucións. Aquí implicámonos todos, máis alá das siglas políticas, para sacalo adiante en tempo récord".
O Coruña Estudio Inmersivo está dispoñible para calquera produtora interesada en realizar rodaxes, campañas publicitarias ou sesións fotográficas, converténdose nun recurso clave para avanzar no fortalecemento do sector audiovisual en Galicia.
