A Deputación e o Concello de Arteixo formalizan a entrega do novo parque de bombeiros de Morás, que reforzará a seguridade de 135.000 veciños da comarca coruñesa
O traslado dende Sabón cara ás modernas instalacións completarase nos próximos dous meses, tras un investimento de 1,3 millóns de euros e un acceso directo ás vías de alta capacidade.
O servizo contará cun incremento de persoal ata acadar os 25 efectivos converténdose na base operativa con máis medios humanos de toda a rede provincial
O presidente da Deputación da Coruña e presidente do Consorcio Contraincendios da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, oficializaron hoxe a entrega das obras do novo parque comarcal de bombeiros situado no polígono de Morás. Ao acto asistiron tamén o deputado de Economía e Facenda, José Ramón Rioboo, o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, e o xerente do Consorcio Provincial Contraincendios, José Luis Barca.
Esta nova infraestrutura substitúe á antiga base de Sabón tras unha execución que supón un salto cualitativo na seguridade da área metropolitana coruñesa. O traslado definitivo da actividade e do persoal completarase nos vindeiros dous meses.
O novo complexo sitúase nunha parcela estratéxica de 4.000 metros cadrados cedida polo Concello de Arteixo na avenida Pedra Áceda, unha localización que garante unha conexión inmediata coa autovía A-6 e a autoestrada AG-55. Esta mellora xeográfica resulta fundamental para reducir os tempos de resposta ante emerxencias non só en Arteixo, senón tamén nos municipios de Cambre, Carral, Culleredo e Oleiros, que forman unha contorna demográfica en plena expansión con preto de 135.000 habitantes. O proxecto, validado polos técnicos do Consorcio, destaca por unha distribución funcional que inclúe amplas cocheiras para a flota, centro de control, áreas de formación, ximnasio, zonas de descontaminación e espazos de descanso.
Durante o acto, o presidente provincial, Valentín González Formoso, confirmou que en apenas dous meses este parque será o que conte "con máis efectivos de toda a rede", chegando aos 25 axentes fronte aos 18 actuais grazas ao proceso de oposicións en marcha. Formoso asegurou que un nó industrial e demográfico tan relevante como o de Morás e Arteixo merecía unhas instalacións "dunha calidade de luxo" e recordou que o éxito desta obra é o resultado directo da colaboración institucional. Segundo o presidente da Deputación, a mensaxe que se lanza hoxe á cidadanía é que "traballando xuntos entre administracións" pódense acadar resultados excepcionais en tempo récord, priorizando sempre o interese xeral dos máis de 135.000 veciños aos que o parque presta cobertura.
Pola súa banda, o rexedor celebrou a culminación deste proxecto no que as tres administracións implicadas levan traballando longo tempo e recoñeceu que a vida útil das anteriores instalacións de Sabón xa se consideraba esgotada. O primeiro edil arteixán fixo fincapé en que estas novas dependencias permitirán aos profesionais "chegar antes aos incidentes" grazas ás súas excelentes comunicacións, lembrando que "apurar os tempos significa extinguir antes os incendios". Nun xesto de distensión política, Calvelo agradeceu persoalmente a González Formoso a súa vontade para reconducir un proceso que "tivo uns inicios complicados", chegando a pedir desculpas publicamente pola tensión pasada e poñendo este acordo como "exemplo de algo que empezou mal e se puido reconducir polo ben común".
