Estás en:Novas

Natividade González destaca na Fundación RIA a importancia de apoiar proxectos que conectan cultura, deseño e territorio

A entidade foi unha das 50 beneficiarias da liña de subvencións culturais FO2015, para as cales a Deputación destinou 650 000 euros este ano

A deputada de Cultura, Natividade González, salienta que estas axudas contribúen a «facilitar a programación de actividades culturais»

Natividade González destaca na Fundación RIA a importancia de apoiar proxectos que conectan cultura, deseño e territorio

A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, visitou a Casa RIA, sede da fundación dese nome, en Santiago de Compostela. A entidade foi unha das 50 beneficiarias da liña de subvencións culturais FO2015, para as cales a Deputación destinou case 650 000 euros este ano. Alí puido coñecer de primeira man a exposición 'Deseño para vivir' e o programa público vinculado a esta proposta cultural, impulsada ao abeiro destas axudas.

Durante a visita, González puxo en valor o traballo da Fundación RIA como espazo de reflexión, creación e divulgación arredor do deseño, a arquitectura e o territorio, así como a capacidade deste tipo de iniciativas para conectar cultura, pensamento contemporáneo e participación cidadá.

A responsábel de Cultura da Deputación tamén subliñou a importancia de apoios como o programa FO2015, cuxo obxectivo é «facilitar a programación de actividades culturais e fortalecer a rede de entidades que traballan pola promoción e difusión da cultura galega», ao tempo que subliñou o compromiso da institución provincial co apoio ao sector cultural.

'Deseño para vivir' presenta unha selección de obxectos desenvolvidos polo estudio David Chipperfield Design nos últimos 35 anos e propón unha reflexión sobre o papel do deseño nun contexto de cambios sociais e crise ambiental.

A mostra pon o foco na relación entre deseño, territorio e vida cotiá, destacando a importancia dos materiais locais, das tradicións propias e dos modos de produción vinculados ao contexto galego. A exposición esténdese polas dúas primeiras plantas da Casa RIA e inclúe obxectos, bosquexos, revistas, fotografías de proceso, materiais, maquetas e prototipos. Poderá visitarse até o 30 de xuño, de luns a sábado, en horario de 10 a 17 horas.