Estás en:Novas

A Deputación reafirma o seu compromiso coa Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo como referente de ecoturismo e gobernanza

O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, participou esta mañá no Castelo de Santa Cruz, en Oleiros, no acto conmemorativo do XIII aniversario da declaración da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo por parte da UNESCO

Penas destacou a «firme alianza» entre a institución provincial e a Reserva para impulsar un modelo de turismo de calidade, non masificado e respectuoso co medio

A Deputación reafirma o seu compromiso coa Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo como referente de ecoturismo e gobernanza

O deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Penas, participou esta mañá no acto conmemorativo do XIII aniversario da declaración da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo por parte da UNESCO. O encontro, celebrado no emblemático Castelo de Santa Cruz, en Oleiros, serviu para poñer en valor máis dunha década de traballo conxunto a prol da sostibilidade, o desenvolvemento local e a conservación do territorio.

Durante a súa intervención, na que estivo acompañado por representantes dos concellos que integran a Reserva, así como de tecido empresarial, asociacións e a comunidade científica e veciñal, Penas cualificou como «unha honra» intervir nunha localización de tanto valor simbólico. «Poucos escenarios poden representar mellor o espírito das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo», sinalou.

Penas trasladou en nome do vicepresidente, Xosé Regueira, que non puido asistir, os parabéns polo esforzo colectivo realizado dende 2013, lembrando que «o camiño andado non foi sempre doado, mais os resultados están aí: a conservación activa dun territorio de alto valor paisaxístico e o impulso dun desenvolvemento sostíbel que beneficia a milleiros de habitantes».

Un modelo de éxito baseado na cooperación

Neste sentido, o deputado situou a Reserva coma un «exemplo claro de gobernanza participativa e de compromiso real co territorio». No ámbito estritamente turístico, subliñou de xeito especial a «firme alianza cos obxectivos estratéxicos do departamento de Turismo da Deputación», unha colaboración que converteu a Reserva nun «referente de calidade e de desenvolvemento responsábel».

«Grazas a esta colaboración, a Reserva é hoxe o primeiro destino de Galiza certificado en Ecoturismo a nivel estatal, con ducias de empresas adscritas ao Club de Ecoturismo de España», lembrou Penas, quen defendeu a necesidade de seguir apostando «por un modelo de turismo diferente, de calidade, non masificado e respectuoso co medio».

Compromiso co patrimonio comarcal

Penas aproveitou para reiterar o compromiso estratéxico da Deputación «con este espazo privilexiado», destacando tamén outros tres enclaves públicos de grande relevancia na comarca: o Pazo de Mariñán, o Centro Etnográfico de Teixeiro e o Centro de Chelo en Coirós.

Para o titular de Patrimonio, «esta alianza deu, e segue dando, bos froitos, máis visibilidade, máis valor engadido ás experiencias e un posicionamento sólido como destino sustentábel de referencia». «A Deputación da Coruña», abundou, «seguirá traballando co resto de administracións para que este modelo siga sendo exemplo en Galiza e no conxunto do Estado».

Pechou Penas a súa intervención desexándolle «longa vida» á Reserva e reafirmando a liña de futuro do goberno provincial: «Seguiremos apostando sempre por novas formas de observar o territorio».