A Deputación esíxelle á Xunta un compromiso real coas mulleres do sector do mar
Insta o Goberno galego a incrementar as axudas para que non queden por baixo do salario mínimo e a realizar un estudo sobre a situación actual dos bancos marisqueiros
Esixe tamén á Xunta o deseño de protocolos estritos de desembalse nos encoros e maior investimento en saneamento nas rías
A Deputación rexeita o proxecto de reapertura da mina de Coéns, en Laxe e aproba unha moción para acoller a sede da Fundación Rogelio Groba na Coruña
O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade de todas as forzas políticas unha moción presentada polo PSdeG-PSOE, que incorporou durante o debate distintas emendas de BNG e PP, reclamándolle á Xunta de Galicia unha "implicación inmediata e contundente" coas máis de 6.000 mulleres que traballan no sector do mar da provincia.
O voceiro socialista, Bernardo Fernández, advertiu de que este colectivo —que representa o 42% do total do sector e supera o 95% en modalidades como as redeiras e o marisqueo a pé— atópase nunha situación de vulnerabilidade debido á falta de respostas eficaces por parte do executivo galego.
A iniciativa pon o foco na crise que golpea con dureza a varias rías da provincia, entre elas a de Muros-Noia, onde a elevada mortandade do berberecho e da ameixa ameaza o sustento económico de centos de familias. Fronte a isto, o texto aprobado enmarca as axudas anunciadas pola Xunta, de apenas 700 euros mensuais que quedan en menos de 400 tras as cotas á Seguridade Social, como "tardías e claramente insuficientes".
A corporación provincial reclámalle á Xunta un incremento e axilización urxente desas axudas para que "ningunha profesional perciba ingresos por debaixo do salario mínimo e se lles exima do pago de cotas mentres dure a inactividade forzosa", afirmou Bernardo Fernández, que incidiu en que "o Goberno xa ten ese compromiso adquirido".
"A tramitación da exención das cotas á Seguridade Social xa está en trámite no Congreso, pero hai un paso previo que ten que facer a Xunta, que é establecer nos plans de explotación a suspensión de actividade por fenómenos meterolóxicos adversos", explicou o portavoz socialista.
A moción aprobada insta ao executivo autonómico a "posta en marcha inmediata dun estudo científico completo sobre o estado dos bancos marisqueiros, o deseño dun protocolo de aviso previo para os desembalses dos encoros fluviais que evite os danos por auga doce, e un investimento estrutural prioritario en materia de saneamento e depuración nos concellos costeiros da provincia".
Ademais, o acordo aprobado polo pleno abrangue o resto de frontes institucionais para garantir un escudo integral ao sector. Por unha banda, solicítaselle ao Goberno de España a adopción de medidas extraordinarias de protección social ligadas ao recoñecemento do coeficiente redutor do marisqueo mentres se prolongue esta crise produtiva.
Pola outra parte, a propia Deputación da Coruña comprométese a reforzar as súas propias liñas de axuda económica ás confrarías e agrupacións, garantindo unha maior axilidade administrativa e priorizando os plans de semente e recuperación ambiental. Finalmente, a institución provincial activará, en colaboración con Anmupesca e o resto de entidades do sector, un amplo programa cultural, educativo e divulgativo para visibilizar socialmente ás mulleres do mar, un acordo cuxo contido será trasladado de inmediato a todos os concellos costeiros, confrarías e administracións implicadas.
A portavoz do BNG, Avia Veira, advertiu de que se trata dun "problema grave en moitas rías da provincia, que veñen de moi atrás, non só dos temporais deste ano" e incidiu en que "necesitamos un estudo para saber as causas da perda de productividade das rías e non seguir poñenedo parches".
Tamén sinalou a importancia de "regular o desencoro sen control, que incide na perda de salinidade do mar e na mortalidade dos bivalvos".
Evaristo Ben, portavoz do PP, sinalou que a Xunta destinou case 22,7 millóns de euros ao sector e prevé que participen destas axudas as 25 confrarías máis afectadas. "As accións que se poden facer no marco destes convenio son múltiples e variadas e son as confrarías as que deciden. O plan foi explicado ao sector polo miúdo", explicou o voceiro popular, que sinalou que as axudas de 700 euros que poden articularse a través destes convenios e "xa se corresponden co salario mínimo", xa que "son a media xornada".
Fronte común contra o recorte de emprego en Nestlé
O pleno provincial aprobou por unanimidade unha iniciativa —presentada tamén polo PSdeG-PSOE— en defensa do mantemento do emprego e da actividade industrial na planta de Nestlé en Pontecesures.
A corporación manifestou de forma unánime o seu respaldo aos preto de 200 traballadores desta factoría estratéxica, "de onde sae todo o leite condensado que a multinacional comercializa en Europa, Oriente Medio e o norte de África, e que se nutre do leite fresco procedente dun cento de explotacións gandeiras do ámbito rural coruñés", explicou o portavoz socialista, Bernardo Fernández.
A resolución insta á Xunta a mediar de urxencia ante a dirección de Nestlé España para "reducir ao mínimo o impacto laboral" e esixe "un plan autonómico específico de fortalecemento para a industria agroalimentaria".
Durante o debate incorporouse ademais unha emenda do BNG co fin de lle solicitar ao Goberno central un control e inspección rigorosa sobre este proceso de regulación de emprego, instando ao executivo estatal a reunirse cos sindicatos e a avanzar cara á recuperación da autorización administrativa laboral previa neste tipo de expedientes.
Pór en valor o legado de Rogelio Groba
O pleno aprobou por unanimidade a moción presentada polo Partido Popular para poñer en valor o legado de Rogelio Groba, quen foi director da Banda Municipal da Coruña e promotor da Orquestra Sinfónica de Galicia.
O texto aprobado avoga pola creación na cidade herculina dun espazo cultural de referencia que poida albergar a sede e o arquivo da fundación do compositor, facilitando a conservación e consulta do seu patrimonio musical, xunto co establecemento de axudas económicas para espallar concertos de música clásica polas diferentes comarcas da provincia.
Rexeitamento á mina de Coéns
O pleno aprobou tamén, co voto favorable de PSOE, BNG e AV e o voto en contra do PP, a moción presentada polo BNG rexeitando o proxecto de reapertura da mina de caolín e mica de Coéns, en Laxe. Á sesión acudiron como público veciños e veciñas da zona que rexeitan a instalación.
No texto aprobado, a Deputación expón o seu rexeitamento firme a esta actividade extractiva a ceo aberto polos seus potenciais impactos ambientais, sociais e de saúde pública, advertindo dos riscos derivados do po en suspensión e do uso de explosivos a escasa distancia das vivendas, ao tempo que instou a defender o dereito do tecido local a un modelo de desenvolvemento sustentable que non comprometa o territorio nin a biodiversidade da contorna.
"Co proxecto que hai, a explotación non poderá autorizarse", afirmou o deputado do PP José Ramón Amado, que sinalou que "só sairá adiante o que técnica e ambientalmente sexa viable. Queremos unha minería moderna e que redunde no beneficio da xente",
O portavoz do PSOE, Bernardo Fernández, destacou que na Xunta "non hai un plan sectorial mineiro, non hai unha zonificación clara de onde se poden realizar este tipo de actividades e onde non" e incidiu en que "para lle dar garantías á cidadanía é importante que persoas que están claramente relacionadas co proxecto non sexan as que fagan os informes sobre este. Cousas como estas non transmiten confianza", afirmou.
"Falamos dunha mina que creará só tres postos de traballo fronte ao impacto ambiental que vai ter na zona" sinalou a deputada Avia Veira, que trasladou o seu apoio ás reclamacións da plataforma veciñal que rexeita a explotación de Coéns.
