A Deputación aproba o proxecto de ampliación e construción dunha senda na estrada DP-7602 entre Feira de San Sadurniño e Riboira
O investimento ascende a 846.892 euros e permitirá ampliar a plataforma da estrada e crear un itinerario peonil seguro entre os puntos quilométricos 0+100 e 1+600
A Deputación da Coruña publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia a aprobación técnica do proxecto de ampliación e construción dunha senda peonil na estrada provincial DP-7602, no tramo comprendido entre Feira de San Sadurniño e Riboira, entre os puntos quilométricos 0+100 e 1+600, no concello de San Sadurniño.
A actuación, incluída no Plan de Sendas Provinciais 2026, conta cun orzamento de 846.892,16 euros e un prazo de execución de seis meses. O proxecto permitirá mellorar as condicións de seguridade viaria nun tramo que actualmente presenta unha plataforma duns 4 metros de ancho, ampliándoa ata os 6,50 metros e incorporando unha senda peonil de 1,80 metros para favorecer os desprazamentos a pé en condicións de maior seguridade e accesibilidade.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que esta actuación "responde ao compromiso da Deputación coa mellora da rede viaria provincial e coa creación de espazos máis seguros para os peóns, especialmente nas contornas rurais".
O proxecto contempla a ampliación da plataforma da DP-7602 e a execución dunha senda que discorrerá por diferentes marxes da estrada en función das condicións do terreo e das afeccións patrimoniais existentes. En concreto, a senda executarase pola marxe esquerda entre os puntos quilométricos 0+100 e 0+900; pola marxe dereita entre o 0+900 e o 1+220; de novo pola marxe esquerda entre o 1+220 e o 1+370; e pola marxe dereita desde o 1+370 ata o final da estrada.
A modificación do trazado respecto ao proxecto inicial responde á necesidade de evitar afeccións na zona de protección do Castro de Riboira. A solución finalmente incorporada conta coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e prevé a realización dun control arqueolóxico durante a execución das obras na zona de protección do ben.
Ademais da ampliación da estrada e da construción da senda, a actuación inclúe o saneo do terreo nas zonas de ampliación da plataforma, a execución de firmes con zahorra e mesturas bituminosas, a regularización da calzada actual, a renovación da capa de rodadura, a mellora da drenaxe de augas pluviais, a construción de cunetas revestidas, a instalación de sumidoiros e pozos de rexistro, así como a substitución de obras de drenaxe transversal no paso do regato.
O proxecto incorpora tamén a sinalización horizontal e vertical necesaria, o retranqueo dos postes de instalacións telefónicas ou eléctricas afectados e as expropiacións precisas para a execución da obra..
Coa publicación no BOP ábrese agora un período de exposición pública de dez días para a presentación de reclamacións. Transcorrido ese prazo sen que se presenten alegacións, o proxecto considerarase definitivamente aprobado.
