Estás en:Novas

A Deputación licita por preto de 900.000 euros a mellora de dúas estradas provinciais en Dumbría e Cerceda

As actuacións renovarán o pavimento das estradas provinciais DP-3404 e DP-2403 e incluirán melloras na sinalización e na seguridade da circulación

A Deputación licita por preto de 900.000 euros a mellora de dúas estradas provinciais en Dumbría e Cerceda

Estrada DP3404 en Dumbría

A Deputación da Coruña saca a licitación dúas obras de mellora da rede viaria provincial nos concellos de Dumbría e Cerceda por un importe total de 898.032,10 euros. As intervencións permitirán renovar o firme das estradas DP-3404, da Serra de Outes a Dumbría, e DP-2403, de Cerceda a Xesteda, para mellorar as condicións de seguridade e comodidade dos desprazamentos.

En Dumbría, a institución provincial destina 450.448,82 euros á mellora da capa de rodaxe da DP-3404 entre os puntos quilométricos 22,790 e 27,160, un tramo de 4,37 quilómetros situado integramente no municipio.

Os traballos consistirán na extensión e compactación dunha nova capa de mestura bituminosa en quente de cinco centímetros de espesor. O proxecto tamén contempla o fresado do pavimento nas interseccións con outras vías e no carril contiguo á senda peonil situada na marxe dereita da estrada. A actuación completarase coa limpeza previa das beiravías e a reposición das marcas viarias. O prazo de execución previsto é de catro meses.

En Cerceda, o investimento ascende a 447.583,28 euros para a mellora do firme da DP-2403, de Cerceda a Xesteda, entre os puntos quilométricos 2,900 e 5,500. A renovación do pavimento realizarase cunha capa de mestura bituminosa en quente de seis centímetros de espesor e excluirá o tramo comprendido entre os puntos 4,660 e 5,000, onde se modificou recentemente a intersección.

Antes da pavimentación, limparanse as beiravías e as cunetas, así como tamén se fresarán e repararán as zonas deterioradas. Ademais, renovaranse as marcas viarias, a sinalización vertical e as barreiras de seguridade nos tramos que presentan danos, e adaptaranse os pozos e os sumidoiros á nova altura do firme.

A obra de Cerceda conta cun prazo de execución de cinco meses.