A Deputación licita por máis de 937.000 euros a mellora de nove quilómetros de estradas en Oza Cesuras
As obras renovarán o firme das vías provinciais DP-3203 e DP-0106 e mellorarán as condicións de seguridade da circulación
O prazo de presentación de ofertas remata o 3 de novembro e ambas as actuacións teñen un prazo de execución de tres meses
A Deputación da Coruña acaba de sacar a licitación dúas obras de mellora de estradas provinciais no municipio de Oza Cesuras por un importe total de 937.019,41 euros. As actuacións permitirán renovar o pavimento de algo máis de nove quilómetros das vías DP-3203 e DP-0106, co obxectivo de mellorar a seguridade e a comodidade dos desprazamentos. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 3 de novembro.
A primeira das intervencións comprende o reforzo do firme da DP-3203 entre os puntos quilométricos 8,400 e 12,500, un tramo de 4,1 quilómetros, cun orzamento de licitación de 405.170,35 euros.
Os traballos permitirán reparar os danos que presenta o pavimento polo efecto do tráfico e das condicións meteorolóxicas. O proxecto inclúe o saneamento puntual das zonas deterioradas e a extensión dunha nova capa de mestura bituminosa en quente sobre unha superficie de 32.980 metros cadrados. A actuación completarase coa renovación das marcas viarias e a instalación de sinalización vertical para mellorar a seguridade do tramo.
A segunda obra corresponde á mellora da capa de rodaxe da DP-0106, de San Vicente de Vigo a Oza dos Ríos, entre os puntos quilométricos 3,230 e 8,200. Esta intervención abrangue preto de 5 quilómetros e conta cun orzamento de 531.849,06 euros.
Neste caso, ademais da reparación das zonas con afundimentos e da aplicación dunha nova capa de asfalto de cinco centímetros de espesor, realizaranse traballos de limpeza e apertura de cunetas, roza de noiros, limpeza de elementos de drenaxe e poda das árbores que poidan supoñer un risco para a circulación. Tamén se renovará a sinalización horizontal e adaptaranse as tapas dos pozos de rexistro e dos sumidoiros á nova altura do pavimento.
Ambas as actuacións teñen un prazo de execución previsto de tres meses desde o inicio das obras. Os traballos desenvolveranse por marxes, de xeito que se poida manter un carril aberto á circulación durante as obras.
