Estás en:Novas

Yoya Neira destaca no Congreso de ENFAMEC o papel da FP para formar o talento que precisa a industria galega

A deputada de Educación e Xuventude participou no IES Rosalía Mera na inauguración do XXIV Congreso da Asociación de Profesorado de Fabricación Mecánica, que reúne na Coruña máis de cen docentes de Formación Profesional de toda Galicia


O encontro, que se celebra os días 5 e 6 de xuño, inclúe visitas a empresas, relatorios técnicos e demostracións prácticas sobre intelixencia artificial, tecnoloxías 3D, robótica colaborativa, mecanizado avanzado, soldadura e realidade virtual

Yoya Neira destaca no Congreso de ENFAMEC o papel da FP para formar o talento que precisa a industria galega

A deputada de Educación e Xuventude da Deputación da Coruña, Yoya Neira, participou esta tarde na inauguración oficial do XXIV Congreso de ENFAMEC, a Asociación de Profesorado de Fabricación Mecánica, que se celebra no IES Rosalía Mera da Coruña e que reúne durante dúas xornadas máis de cen docentes de Formación Profesional de Galicia que imparten ciclos vinculados á fabricación mecánica, á instalación e ao mantemento.
A Deputación da Coruña colabora na celebración deste encontro, que converte o IES Rosalía Mera nun punto de referencia para o intercambio de coñecemento entre profesorado, empresas e profesionais dun sector estratéxico para a industria galega.
Durante a súa intervención, Yoya Neira deu a benvida ás persoas participantes e felicitou á organización pola traxectoria dun congreso que acada xa a súa vixésimo cuarta edición. A deputada subliñou que encontros coma este "son fundamentais para compartir experiencias, actualizar coñecementos e reforzar a conexión entre a Formación Profesional e a realidade das empresas".
Neira destacou o papel clave da Formación Profesional para o desenvolvemento económico da provincia da Coruña e de Galicia, especialmente nun contexto no que a industria precisa profesionais cada vez máis cualificados. "A FP é unha das grandes ferramentas que temos para preparar o talento que demandan as empresas. É formación útil, conectada co emprego e imprescindible para sectores como a automoción, a construción metálica, a industria naval, as enerxías renovables ou a fabricación de compoñentes industriais", afirmou.
A deputada puxo tamén o foco na importancia da formación continua do profesorado ante a velocidade dos cambios tecnolóxicos. "A intelixencia artificial, a automatización, a robótica ou a realidade virtual xa están transformando os procesos industriais. Para que o alumnado estea preparado, tamén precisamos docentes con recursos, espazos de actualización e contacto directo coas innovacións que xa están a empregar as empresas", sinalou.
Neste sentido, Yoya Neira agradeceu o compromiso do profesorado de Formación Profesional, ao que definiu como "unha peza esencial para que a innovación chegue ás aulas e para que o alumnado poida construír un futuro laboral sólido".
O programa do XXIV Congreso de ENFAMEC inclúe visitas a empresas relacionadas coa fabricación mecánica, así como relatorios e demostracións prácticas sobre intelixencia artificial aplicada á competitividade industrial, tecnoloxías 3D, sistemas de agarre para robots e cobots, aliñación láser, software de soldadura, mecanizado a cinco eixes, impresión 3D e ferramentas de realidade virtual aplicadas á Formación Profesional.