A Deputación inviste 480.000 euros en 48 bolsas para impulsar a formación de investigadores e artistas da provincia
Valentín González Formoso recibiu no Pazo Provincial ás persoas beneficiarias das bolsas de investigación e de perfeccionamento de estudos artísticos, dotadas con 10.000 euros cada unha
Destacou "a importancia de apostar polo talento da mocidade e apoialo para que poda medrar"
O Pazo Provincial acolleu hoxe o acto de entrega do diplomas das bolsas de investigación e de perfeccionamento de estudos artísticos que convoca a Deputación da Coruña, das que este ano se benefician 48 persoas da provincia.
A institución provincial destina a esta convocatoria un investimento total de 480.000 euros, cunha achega de 10.000 euros para cada unha das persoas beneficiarias, co obxectivo de facilitar que poidan completar a súa formación, desenvolver proxectos de investigación ou perfeccionar os seus estudos artísticos dentro ou fóra de Galicia.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, foi o encargado de recibir ás bolseiras e bolseiros no Pazo Provincial, onde destacou "a importancia de apostar polo talento da nosa provincia e apioalo para que poida medrar". Formoso subliñou que estas bolsas "permiten que os mozos e mozas da provincia da Coruña podan formarse nos mellores centros e a desenvolver as súas investigacións cun apoio económico axeitado".
A convocatoria inclúe dúas modalidades. Por unha banda, as bolsas de investigación, cun total de 20 axudas e un investimento de 200.000 euros, abranguen áreas de coñecemento moi diversas: artes e humanidades, con 5 bolsas; ciencias da saúde, con 4; ciencias sociais, xurídicas e estudos de xénero, con 5; ciencias, con 4; e arquitectura e enxeñaría, con 2.
Pola outra, as bolsas de perfeccionamento de estudos artísticos suman 28 axudas, cun investimento de 280.000 euros. Neste caso, están dirixidas a persoas vinculadas ao audiovisual, con 3 bolsas; á danza e ás artes do movemento, con 3; á ilustración e ás artes plásticas e visuais, con 4; á música, con 15; e ao teatro e á interpretación escénica, con 3.
Formoso definiu este programa como "un investimento na Galicia de mañá", porque detrás de cada bolsa "hai unha historia de esforzo, de capacidade e de superación á que a Deputación quere contribuír" e lembrou que persoeiros da talla de Díaz Pardo iniciaron a súa carreira artística cunha destas bolsas da Deputación da Coruña.
O presidente lembrou tamén que nos últimos anos a convocatoria medrou tanto no número de bolsas como na súa dotación económica. Pasou de 40 a 48 axudas e a contía de cada unha incrementouse de 8.000 a 10.000 euros. "Formarse nos mellores centros custa cada vez máis, e investigar ou crear tamén require estabilidade económica. Por iso a Deputación está ao carón do noso talento, para que ningunha persoa con capacidade e ilusión quede atrás por falta de recursos", afirmou.
Formoso concluíu trasladando os parabéns ás persoas beneficiarias e animándoas a aproveitar esta oportunidade "para seguir medrando, aprendendo e levando o nome da provincia da Coruña alí onde desenvolvan a súa carreira".
