A Deputación aproba un investimento de preto de 1,2 millóns de euros para mellorar a seguridade viaria en Cariño, Outes e Ferrol
Máis de 445.000 euros destinaranse ao reforzo do firme na estrada DP-6121, de Mera a Cariño.
En Outes o investimento será de 672.298,42 euros para a renovación de máis de cinco quilómetros da vía DP-6202, de Outes a la AC-400 por Valadares
En Ferrol, aprobase unha achega adicional de 60.975,47 euros para a terceira fase das obras na travesía de Aneiros a Cabana
O pleno da Deputación da Coruña deu hoxe, venres 26 de xuño, luz verde a un investimento global de preto de 1,2 millóns de euros destinado a financiar tres importantes intervencións de mellora e mantemento na rede viaria provincial. Estes fondos permitirán acometer actuacións de reforzo de firme, accesibilidade e seguridade nos concellos de Cariño, Outes e Ferrol.
En Cariño, as obras contan cun investimento de 445.966,62 euros e céntranse no reforzo do firme da estrada DP-6121 de Mera a Cariño, concretamente no treito comprendido entre os puntos quilométricos 5+370 e 8+400. Os traballos consistirán no estendido dunha nova capa de rodaxe en toda a calzada. Previamente, levarase a cabo a reparación puntual das zonas danadas, realizándose tamén o despexo e a limpeza de beiravías, paseos e cunetas. A actuación complétase coa reposición integral das marcas viarias, o repintado de símbolos e cebreados, e a substitución da barreira de seguridade tipo bionda por unha nova que inclúe un sistema de protección específico para motociclistas.
Pola súa banda, en Outes a institución provincial destina un orzamento de 672.298,42 euros dirixido a mellorar as condicións de circulación da estrada DP-6202, que conecta este municipio cara á AC-400 por Valadares, especificamente entre os puntos quilométricos 5+000 e 10+375. A plataforma da vía renovarase por completo, executando tarefas previas de roza de marxes, limpeza de beiravías, apertura de cunetas e poda de arborado, xunto co fresado e a reposición de pavimento naquelas zonas que o precisen. O proxecto tamén inclúe a instalación de sinalización vertical e horizontal e a colocación de novos elementos de balizamento ou defensa.
Finalmente, a sesión plenaria aprobou o proxecto modificado para a terceira fase da travesía na DP-3612, de Aneiros a Cabana, no concello de Ferrol, o que supón un incremento de 60.975,47 euros sobre o orzamento inicial das obras (789.411 euros, incluíndo expropiacións) que xa se atopan en execución.
Esta modificación permite resolver diversas incidencias técnicas xurdidas durante os traballos, destacando a detección dunha mala calidade do terreo no punto quilométrico 1+500 que obrigou a realizar un pozo de cimentación semiprofundo para dotar de estabilidade ao muro de contención. Así mesmo, reordenaranse as zonas de aparcadoiro inicialmente proxectadas para habilitar un itinerario plenamente accesible, corrixir desniveis ocultos e evitar afectar ao único acceso existente nunha edificación da contorna. Por último, deséñase unha nova xeometría para a glorieta do punto quilométrico 1+640 para esquivar un pozo de bombeo e mellorar a accesibilidade das beirarrúas, modifícase lixeiramente a sección transversal estreitando os carrís e ensanchando as beirarrúas para acougar o tráfico, e incorpórase unha base de formigón baixo as baldosas para asegurar a súa resistencia e durabilidade futura
