Estás en:Novas

A Deputación entrega a AFAFES unha furgoneta adaptada para mellorar a atención ás persoas con alzhéimer

A institución provincial financiou a adquisición do vehículo cunha achega de 55.000 euros e colabora tamén nos programas de prevención da dependencia, promoción da autonomía persoal e rehabilitación da entidade

A Deputación entrega a AFAFES unha furgoneta adaptada para mellorar a atención ás persoas con alzhéimer

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; a deputada de Política Social, Mar García Vidal, e a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, entregaron onte aos responsables de AFAFES unha nova furgoneta adaptada que permitirá mellorar o transporte e a atención ás persoas con alzhéimer e outras enfermidades neurodexenerativas.

A adquisición do vehículo foi financiada pola Deputación cunha subvención de 55.000 euros, concedida no marco do programa de investimentos para adquisición de vehículos das entidades sociais da provincia.

A nova furgoneta facilitará o traslado das persoas usuarias ata as instalacións e actividades da asociación, garantindo un transporte seguro e adaptado ás súas necesidades. O vehículo permitirá tamén ampliar a capacidade de atención da entidade e apoiar as familias que teñen dificultades para realizar estes desprazamentos polos seus propios medios.

Durante a entrega, Valentín González Formoso destacou o traballo que realiza AFAFES en Cee e na Costa da Morte e agradeceu a dedicación do seu equipo profesional e das familias que forman parte da entidade.

"Esta furgoneta é unha ferramenta fundamental para achegar os servizos de AFAFES ás persoas que os necesitan. En concellos dispersos e cunha poboación envellecida, garantir o transporte adaptado é esencial para que ningunha persoa deixe de recibir atención por non ter medios para desprazarse", afirmou o presidente provincial.

Formoso sinalou que a colaboración coas entidades sociais permite chegar a necesidades ás que as administracións non sempre poden responder directamente

.Ademais de financiar a adquisición do vehículo, a Deputación colabora desde hai anos con AFAFES no desenvolvemento dos seus programas de prevención da dependencia, promoción da autonomía persoal e rehabilitación de persoas con alzhéimer e outras doenzas neurodexenerativas.

Este apoio canalízase a través das liñas de subvencións que a institución provincial destina cada ano ás entidades sociais sen ánimo de lucro para o mantemento de servizos, a contratación de persoal especializado, a realización de actividades e a adquisición ou mellora de equipamentos.

Os programas desenvolvidos por AFAFES inclúen actividades de estimulación cognitiva e funcional, prevención do deterioro, rehabilitación, atención psicolóxica e acompañamento ás persoas usuarias. A asociación ofrece tamén información, orientación e apoio ás familias e ás persoas coidadoras, que desempeñan un papel fundamental durante todo o proceso da enfermidade.