Estás en:Novas

O Negreira proclámase campión da Copa Deputación 2026 tras vencer por 4-0 ao Muxía

O conxunto negreirés conquistou o título no campo municipal de Gallamonde, en Miño, e abre a porta a participar na fase previa da Copa do Rei

O Negreira proclámase campión da Copa Deputación 2026 tras vencer por 4-0 ao Muxía

O SD Negreira proclamouse este sábado campión da Copa Deputación de fútbol afeccionado tras impoñerse por 4-0 ao Muxía CF na final disputada no campo municipal de Gallamonde, en Miño.

O equipo negreirés conquistou o trofeo e puxo así o broche final a unha xornada que reuniu en Miño a centos de afeccionados para gozar da gran festa do fútbol provincial.

Coa vitoria, a SD Negreira recibe un premio de 5.000 euros e obtén tamén o dereito a participar na Supercopa Deputación, na que competirán os equipos gañadores das copas provinciais galegas. Ademais, o campión da Supercopa disputará a fase previa da Copa do Rei.

O Muxía CF, subcampión da competición, recibirá un premio de 4.000 euros, mentres que o San Tirso SD e a SD O Val, eliminados nas semifinais, recibirán 1.500 euros cada un.

Na entrega de premios participaron o voceiro do goberno da Deputación da Coruña, Bernardo Fernández; o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, e o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis, que celebrou a vitoria xunto ao equipo da súa localidade.