A Deputación abre a inscrición na segunda edición do programa de formación para clubs de base
Noia acollerá o venres 13 de novembro a primeira xornada, con sesións sobre soporte vital básico e regulación emocional no deporte
O programa combinará ata decembro a formación en liña con xornadas presenciais en concellos como Noia, Narón e Culleredo. A primeira edición reuniu máis de 100 participantes de máis de 75 clubs, entidades deportivas e concellos
A Deputación da Coruña abriu o prazo de inscrición na segunda edición do Programa de Formación para Entidades Deportivas de Base, dirixido a adestradores e adestradoras e ás persoas que se ocupan da xestión dos clubs da provincia. A programación comezará este venres, 13 de novembro, en Noia e prolongarase ata decembro, con formación en liña e xornadas presenciais tamén en Narón e Culleredo.
A xornada inaugural de Noia abordará dúas cuestións que afectan directamente ao traballo dos corpos técnicos. Roberto Barcala impartirá unha sesión de soporte vital básico para que adestradores e adestradoras saiban como actuar ante unha emerxencia. Pola súa banda, Manuel Isorna centrarase na regulación emocional no ámbito deportivo.
Do adestramento de menores á xestión económica dos clubs
No ámbito do adestramento, o programa abordará a especialización temperá e as cargas de adestramento en menores de 15 anos, así como a xestión do éxito deportivo nas categorías de base. Outra das sesións analizará como inflúe a nutrición na saúde e no rendemento de quen practica deporte.
As persoas responsables da xestión dos clubs poderán formarse en contabilidade, tesouraría e obrigas fiscais, así como en patrocinio e doazóns para entidades e deportistas. A programación inclúe tamén a normativa deportiva, a cotización á Seguridade Social dos e das deportistas de alto nivel e as súas vías de acceso ás ensinanzas deportivas oficiais.
Ademais de Roberto Barcala e Manuel Isorna, participarán como docentes Rafael Martín Acero, Mar Rovira, Eva María Blázquez Agudo, Dolores Pedrares, Yago Casal, Alicia Villegas, Miguel Juane e Álvaro Illobre.
A convocatoria amplía os contidos da primeira edición, que en 2025 reuniu máis de 100 asistentes en representación de máis de 75 clubs, entidades deportivas e concellos da provincia. As persoas interesadas en participar nesta segunda edición xa poden cubrir o formulario de inscrición.