A II Copa Deputación de Baile Deportivo encherá o Pazo dos Deportes de Riazor este sábado con máis de 300 participantes
Participarán na competición 325 deportistas de Galicia, distintos puntos de España e Portugal, entre eles campións do mundo de danza coreográfica
A entrada será libre e gratuíta para todas as persoas que queiran gozar deste espectáculo, que combina técnica, coordinación, expresión artística e unha grande esixencia física
A Copa Deputación da Coruña de Baile Deportivo nas modalidades de Latinos e Danza Coreográfica celebrará este sábado, 24 de outubro, a súa segunda edición no Pazo dos Deportes de Riazor cun récord de participación. Un total de 325 deportistas competirán nun torneo que medra respecto ao ano pasado e que, en apenas dúas edicións, se consolida como unha cita de referencia para o baile deportivo en Galicia.
O evento foi presentado hoxe no Pazo Provincial nun acto no que participaron o deputado de Deportes, Antonio Leira; a deputada de Mocidade, Yoya Neira; o concelleiro de Deportes da Coruña, Manuel Vázquez; e Sandra García, responsable da organización e representante da academia Un Paso Adelante de Narón.
A competición reunirá a deportistas chegados de diferentes puntos de Galicia, de comunidades como Madrid e Valencia e tamén de Portugal. Entre os participantes haberá campións do mundo de danza coreográfica e parellas de primeiro nivel nacional.
O programa incluirá competicións de bailes latinos e danza coreográfica nas modalidades de solo, parellas e grupos, con participantes de diferentes idades e categorías. As probas desenvolveranse baixo a normativa da Federación Española de Baile Deportivo e terán carácter puntuable para o ránking nacional.
Durante a presentación, Antonio Leira destacou o crecemento da competición e a importancia de apoiar disciplinas que, malia contar cun elevado nivel deportivo, teñen menor presenza nos medios de comunicación.
"Superar os 300 participantes na segunda edición é unha magnífica noticia e demostra que esta Copa ten percorrido e futuro", afirmou o deputado, que subliñou que "desde a Deputación queremos apoiar todas as modalidades deportivas, tamén aquelas que teñen menos visibilidade, pero detrás das que hai moito talento, esforzo e persoas que traballan cada día para seguir medrando".
Leira sinalou tamén que a celebración desta competición contribúe a situar A Coruña como escenario de grandes eventos deportivos e ofrece aos clubs e escolas de baile da provincia a oportunidade de competir e compartir experiencias con deportistas de primeiro nivel.
Pola súa banda, Sandra García destacou a excelente resposta dos participantes e o alto nivel que se poderá ver sobre a pista. "Contar na nosa provincia con campións do mundo e deportistas de referencia é un orgullo e un estímulo para todos os clubs e escolas que traballamos cada día para impulsar o baile deportivo", sinalou.
Entrada libre e gratuíta
Un dos aspectos destacados desta segunda edición será a entrada libre e gratuíta para todo o público, que poderá achegarse ao Pazo dos Deportes de Riazor durante toda a xornada do sábado para descubrir unha modalidade que combina técnica, coordinación, expresión artística e unha grande esixencia física.
A deputada Yoya Neira animou á cidadanía a asistir e gozar da competición. "Queremos que as familias, a mocidade e todas as persoas que sintan curiosidade por este deporte teñan a oportunidade de vivir en directo un espectáculo de primeiro nivel. A entrada gratuíta é tamén unha maneira de abrir abrir as portas a novos públicos e dar a coñecer o enorme traballo que realizan os clubs e as escolas de baile", afirmou.
