A Deputación aborda o impacto do Plan Único con representantes municipais dos concellos de Arzúa, Melide, Toques e Santiso
O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e a deputada responsable do Plan Único, Cristina García, mantiveron un encontro de traballo en Arzúa con representantes dos concellos de Arzúa, Melide, Santiso e Toques para analizar o desenvolvemento do Plan Único nos municipios e coñecer de primeira man as súas necesidades e prioridades.
O concello de Arzúa acolleu a visita do vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e a deputada do Plan Único, Cristina García, que se reuniron cos alcaldes de Melide, José Manuel Pérez Penas; de Santiso, Manuel Adán; de Toques, José Ángel Penas, e o concelleiro de Arzúa, Daniel Moscoso. Durante o encontro abordouse a incidencia que o Plan Único está a ter nos distintos municipios, compartindo valoracións sobre os investimentos realizados e a capacidade deste programa para lles dar resposta ás necesidades específicas de cada concello.
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, destacou que "o Plan Único se consolidou como unha ferramenta fundamental para reforzar a autonomía municipal, porque permite que sexan os propios concellos quen decida en que investir os recursos segundo as súas prioridades e a realidade do territorio". Regueira engadiu que "estas reunións son moi valiosas porque nos permiten coñecer directamente a percepción dos gobernos locais, avaliar o funcionamento do programa e seguir mellorándoo desde o diálogo e a colaboración institucional".
Pola súa banda, a deputada responsable do Plan Único, Cristina García, salientou que "o éxito do Plan Único reside na súa flexibilidade e na confianza que deposita nos concellos". "Queremos seguir mantendo un contacto permanente cos responsables municipais para coñecer as súas necesidades, escoitar as súas propostas e garantir que a Deputación continúa sendo unha administración útil, próxima e eficaz", afirmou.
Ademais da análise dos investimentos do Plan Único, durante a reunión abordáronse outras cuestións de interese para os municipios. Os representantes municipais trasladaron tamén a súa preocupación polo estado e as necesidades de mellora da rede de estradas de titularidade provincial, incidindo na importancia de continuar avanzando na conservación e modernización destas infraestruturas para garantir a seguridade viaria e mellorar a mobilidade no territorio.
O encontro enmárcase na rolda de contactos que a Deputación da Coruña está a manter con distintos concellos da provincia para reforzar a cooperación institucional, avaliar o impacto das políticas provinciais e continuar adaptando os seus programas ás necesidades reais do municipalismo.
