A Deputación apoia o Festival Irmandiño de Moeche, unha das grandes citas culturais do verán en Ferrolterra
A deputada de Cultura, Natividade González, participou esta mañá na presentación da XLVII edición, xunto á deputada e concelleira de Moeche, Cristina García, dun festival que combina música, tradición e memoria histórica os días 21, 22 e 23 de agosto
A Deputación da Coruña, a través da súa área de Cultura, apoia unha nova edición do Festival Irmandiño de Moeche, que realizará a súa XLVII edición os días 21, 22 e 23 de agosto cunha programación que volverá combinar música, cultura popular e divulgación da memoria histórica galega.
A deputada de Cultura, Natividade González, participou na presentación do festival, onde destacou o valor dunha iniciativa que, tras máis de catro décadas de traxectoria, se mantén como unha das citas culturais e musicais máis singulares da comarca de Ferrolterra. González puxo en valor a capacidade do Irmandiño para preservar e actualizar a cultura galega, reivindicar a nosa historia e xerar espazos de encontro arredor da música e da tradición.
A deputada salientou tamén a importancia de que as administracións apoien proxectos culturais arraigados no territorio e impulsados pola comunidade local, especialmente aqueles que contribúen a descentralizar a programación cultural e achegala aos concellos pequenos e medianos. Para Natividade González, o Festival Irmandiño é "un exemplo de como a cultura pode actuar como elemento de cohesión social, transmisión da memoria e dinamización do territorio".
Tres días de música, tradición e cultura
A edición de 2026 desenvolverase entre o campo de Melle e o castelo de Moeche e contará con actuacións de Os D'Abaixo, Xosé Lois Romero e Aliboria, Leirana, No Cómbaro e Fillas de Cassandra, entre outras. Entre as novidades desta edición figura un obradoiro de baile a cargo de Nel Villanueva, mentres que a tradicional foliada do venres volverá reunir músicos da contorna e participantes do propio festival.
