A Deputación da Coruña destaca o papel do 10º Repsol EcoRallye como referente da mobilidade sustentable e dinamizador da provincia
O deputado de Deportes, Antonio Leira, participou hoxe no acto de presentación institucional da proba automobilística, que acada a súa décima convocatoria batendo un récord histórico de participación con 57 equipos inscritos.
O deputado de Deportes, Antonio Leira, participou hoxe no acto de presentación institucional do 10º Repsol EcoRallye A Coruña, celebrado no Salón Real do Palacio Municipal de María Pita.
Durante a súa intervención, Antonio Leira puxo en valor a traxectoria dunha cita que cumpre dez anos de historia plenamente consolidada no calendario nacional e internacional. O deputado provincial remarcou que "aquel soño que comezou hai unha década converteuse hoxe nun autentico referente do mundo do motor". Así mesmo, Leira salientou a importante contribución deste tipo de competicións para o conxunto da provincia, destacando a súa achega en materia de promoción turística, dinamización económica e vertebración do territorio.
A proba, que se disputará entre o xoves 17 e o domingo 20 de setembro, será puntuable por terceiro ano consecutivo para a FIA Eco Rally Cup e o Campionato de España de Enerxías Alternativas. Nesta edición de aniversario, o rally contará cun récord absoluto de 57 equipos inscritos, dos cales a gran maioría competirán con vehículos 100% eléctricos.
O itinerario deste ano discorrerá ao longo de máis de 580 quilómetros a través de 35 municipios galegos, 33 deles da provincia da Coruña. O percorrido levará a caravana automobilística por zonas clave como a Costa da Morte, con paradas en concellos como Vimianzo, Fisterra ou Coristanco, e cara ao interior e norte da provincia, situando a As Pontes como un dos puntos neurálxicos da competición.
