A Deputación licita por preto de 650.000 euros a mellora de estradas provinciais en Cariño e Cedeira
As dúas actuacións suman un investimento de 649.414,94 euros e permitirán renovar o firme de case 4,5 quilómetros de tres vías provinciais
O prazo de presentación de ofertas remata o 3 de novembro e as obras teñen un prazo de execución de tres meses
A Deputación da Coruña saca a licitación dúas actuacións de mellora da rede viaria provincial nos concellos de Cariño e Cedeira por un importe total de 649.414,94 euros. As obras permitirán renovar o pavimento de case 4,5 quilómetros de tres estradas e mellorar a seguridade da circulación. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 3 de novembro.
En Cariño, a institución provincial destina 445.966,52 euros ao reforzo do firme da DP-6121, de Mera a Cariño, entre os puntos quilométricos 5,370 e 8,400, un tramo de algo máis de 3 quilómetros. A intervención comprende a reparación puntual das zonas deterioradas e a extensión dunha nova capa de mestura bituminosa en quente de seis centímetros de espesor en toda a anchura da calzada e das beiravías.
Previamente, realizaranse traballos de limpeza das beiravías e das cunetas nas dúas marxes nos tramos que o precisen. O proxecto tamén inclúe a renovación das marcas viarias e a substitución de barreiras de seguridade, con sistemas de protección para motoristas.
No municipio de Cedeira, o investimento ascende a 203.448,42 euros e abrangue dous tramos: a DP-2204, de Cedeira a Chímparra, entre os puntos quilométricos 1,390 e 2,495, e os primeiros 320 metros da DP-2206, das Pontigas ao quilómetro 1 da estrada de Santo André de Teixido. En total, melloraranse 1,425 quilómetros de vías provinciais.
Os traballos consistirán na aplicación dunha nova capa de mestura bituminosa en quente de seis centímetros de espesor sobre a calzada e as beiravías. A intervención completarase coa apertura de cunetas onde sexa necesario, a renovación da sinalización horizontal e a colocación de barreiras de seguridade.
Ambos os proxectos establecen un prazo de execución de tres meses desde o inicio das obras. As actuacións permitirán mellorar o estado do pavimento e as condicións de seguridade e comodidade dos desprazamentos nestas estradas provinciais.
