Estás en:Novas

Xa temos relatos gañadores do concurso #HoxeEscriboEn2026!

O concurso de relatos da Sección de Turismo e a Biblioteca provincial da Deputación da Coruña contou con 132 obras procedentes de 56 concellos da provincia da Coruña.
A orixinalidade ecolóxica de Xairo Campos, a memoria industrial de Sonia Corral e o imaxinario máxico de Xosé María López acadaron os tres primeiros premios dunha edición cunha altísima participación.

Xa temos relatos gañadores do concurso #HoxeEscriboEn2026!

O Pazo Provincial da Deputación da Coruña acolleu a xuntanza do xurado para a resolución do concurso de relatos #HoxeEscriboEn2026.
Nesta edición recibíronse un total de 132 relatos procedentes de 56 concellos de toda a provincia, dos cales 123 pasaron á fase final de valoración, amosando un extraordinario nivel creativo e unha gran
participación territorial.

Resolución do xurado

1º Premio: O inimigo de plástico, de Xairo Campos Blanco
Premio: Estancia para dúas persoas (unha noite con almorzo e cea incluídos) nun establecemento rural da provincia da Coruña.
O xurado destacou: A súa orixinalidade ao abandear a causa ecoloxista cun ritmo ben estruturado e un estilo fluído. Salientaron a magnífica personificación do canón, cheo de notas de humor e
confusións, que acada unha nova función ao final do relato.


2º Premio: Ocaso industrial, de Sonia Corral Franco
Premio: Estancia para dúas persoas (unha noite con almorzo incluído) nun establecemento rural da provincia da Coruña.
O xurado destacou: A capacidade de reflectir a desaparición dun símbolo para As Pontes a través da personificación das torres demolidas. O texto combina a melancolía lírica da despedida co carácter
épico do fin da estrutura, acadando un relato moi sensorial e emotivo grazas a unha coidada selección léxica.


3º Premio: O peite de prata, de Xosé María López Fernández
Premio: Xantar ou cea para dúas persoas nun establecemento da provincia da Coruña.
O xurado destacou: A súa calidade para mergullar ao lector no mundo máxico e nas lendas da nosa literatura. O uso da primeira persoa e do presente fai experimentar o feitizo da beleza sobrenatural
e o arrepio da cova, diluíndo a liña entre realidade e fantasía nun final moi ben estruturado.


Mención especial
Ademais dos tres primeiros premios, o xurado seleccionou os 30 mellores relatos de entre todos os presentados, que recibirán como recoñecemento un lote de produtos gastronómicos da provincia da
Coruña.

Parabéns a todas as persoas gañadoras e grazas ás participantes por encher de literatura a nosa
provincia!