Estás en:Novas

Regueira presenta a provincia da Coruña como un destino preparado para acoller grandes congresos e eventos profesionais

O vicepresidente da Deputación participou onte en Madrid no Puchero de OPC España, un encontro de referencia para o sector MICE no que reivindicou a diversidade territorial, as infraestruturas e a oferta profesional e enogastronómica da provincia

Regueira presenta a provincia da Coruña como un destino preparado para acoller grandes congresos e eventos profesionais

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, participou onte en Madrid no Puchero de OPC España, unha iniciativa promovida pola Federación Española de Asociacións de Empresas de Organización Profesional de Congresos (OPC España) que reúne profesionais de toda a cadea de valor do sector MICE, desde palacios e centros de congresos ata hoteis, empresas de servizos audiovisuais e oferta complementaria.

A provincia da Coruña foi a protagonista desta edición, unha oportunidade para presentar ante profesionais especializados o seu potencial como destino para congresos, convencións, feiras, viaxes de incentivo e outros encontros profesionais. O encontro combina a promoción dun territorio coa gastronomía e o intercambio de coñecemento entre os distintos axentes do sector, e contou tamén cunha proposta gastronómica vinculada á identidade do territorio.

Durante a súa intervención, Regueira convidou os profesionais presentes a imaxinar a provincia «non como un lugar no mapa, senón como un territorio vivo, diverso e profundamente preparado para acoller o que organizan: eventos, feiras, congresos e viaxes de incentivo». O vicepresidente destacou os 93 concellos e os 956 quilómetros de costa que conforman un territorio de gran diversidade paisaxística e de posibilidades: «Desde as rías suaves e protexidas ata os cantís bravos da Costa da Morte e Cabo Ortegal; desde praias urbanas ata paisaxes que aínda conservan o silencio e a máis absoluta soidade. Esta diversidade non é só un reclamo turístico. É unha vantaxe competitiva real para o sector».

Regueira puxo tamén en valor as tres principais cidades da provincia: A Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol. «Tres cidades distintas, complementarias e perfectamente conectadas entre si», sinalou, destacando o carácter atlántico e a oferta cultural e hostaleira da Coruña, o patrimonio e a vitalidade universitaria de Santiago e a historia naval, a arquitectura ilustrada e o espírito de rexeneración de Ferrol, especialmente interesante para eventos de carácter técnico, industrial ou innovador. Ademais, incidiu no valor diferencial do patrimonio e da identidade cultural galega: «Organizar un evento aquí non é só elixir un espazo, é conectar cunha narración que ten séculos e que, ao mesmo tempo, mira ao futuro». Neste sentido, destacou a lingua galega, a cultura, a música, a tradición e a creación contemporánea como elementos que enriquecen a experiencia de quen visita a provincia.

Outro dos argumentos centrais da presentación foi a oportunidade que representa o Xacobeo 2027 para reforzar a proxección internacional do territorio. «A provincia da Coruña non é só punto de chegada do Camiño; é o seu epicentro e a súa prolongación natural ata a Fin do Mundo», afirmou Regueira. No ámbito das comunicacións, destacou a existencia de dous aeroportos, na Coruña e Santiago, así como o porto da Coruña, as conexións ferroviarias e a rede viaria. «Chegar aquí é sinxelo. Quedarse, e traballar ben, aínda máis», asegurou. Tamén reivindicou a capacidade dos recintos da provincia para acoller eventos de diferentes dimensións e características: «Non se trata só de metros cadrados, trátase de espazos que funcionan e que, ademais, contan unha historia».

Regueira salientou igualmente a evolución do tecido empresarial vinculado ao sector, que «deu un salto cualitativo» nos últimos anos, con investimentos en calidade, sustentabilidade e profesionalización. «Un sector competitivo, maduro e cada vez máis ambicioso», afirmou, destacando a importancia da excelencia no servizo e da capacidade para anticiparse ás necesidades dos organizadores. A enogastronomía foi outro dos elementos destacados da presentación. «Cada ano suma novos recoñecementos e distincións internacionais», sinalou o vicepresidente, que reivindicou os produtos de excelencia, unha cociña que combina tradición e innovación e unha oferta hostaleira que medra en cantidade e, sobre todo, en calidade. «Por algo o noso lema é “A paisaxe que sabe”; os nosos saberes e sabores. Comer e durmir ben non é un complemento, é parte esencial da experiencia que ofrecemos a quen nos visita por motivos profesionais».

Regueira concluíu cunha invitación directa aos profesionais reunidos en Madrid: «A provincia da Coruña está preparada, ten territorio, ten cidades, ten patrimonio, ten infraestruturas, ten recintos, ten un sector profesionalizado e ten unha enogastronomía que xa é referente. E en 2027 terá, ademais, a visibilidade que dá un Ano Santo».