Estás en:Novas

A Deputación da Coruña anima a decorar fiestras e balcóns pola diversidade sexual

Abre o prazo até o 28 de xuño dentro do programa "Liberdade de ser e sentir" que conmemora o 28 de xuño

A Deputación da Coruña anima a decorar fiestras e balcóns pola diversidade sexual

A Área de Igualdade da Deputación da Coruña organiza o concurso "Balcóns da Diversidade" co que anima a decorar fiestras e balcóns coas cores do arco da vella para conmemorar o 28 de xuño o Día das Diversidades Sexuais. A iniciativa forma parte do programa "Liberdade de ser e sentir" que está apoiado por máis de medio cento de concellos.

Dentro do programa para conmemorar o Día das Diversidades Sexuais, a Área de Igualdade da Deputación da Coruña bota a andar o concurso que convida a decorar balcóns e fiestras con debuxos, bandeiras ou outros formatos artísticos entre o 12 e o 28 de xuño e publicar as imaxes nas redes sociais co cancelo #seresentir.

A iniciativa está a ter difusión a través das redes sociais e na páxina do programa desde o que se busca normalizar e sensibilizar a sociedade sobre as diversidades sexuais con distintas accións que van desde a creación dunha plataforma, actividades para público infantil e adolescente ou un ciclo de charlas que se difundirán nas redes sociais e na propia páxina do programa.

"Para nós é importante que os concellos respondan de forma tan activa a esta iniciativa da Deputación para traballar conxuntamente nunha mensaxe de igualdade e de defensa da diversidade cun programa de actividades que busca contribuír a sensibilizar contra a discriminación, achegando materiais que poden ser utilizados tanto en centros de ensino coma noutro tipo de entidades ou nas propias casas para educar en igualdade", sinala a deputada de Igualdade, María Muíño.

A campaña estase a difundir na plataforma seresentir.gal na que se publican todos os contidos e recursos relacionados coa diversidade sexual ademais de contar cunha área privada na que os concellos e entidades poden acceder aos diferentes recursos da campaña. Ademais, "Liberdade de ser e sentir!" ofrece contidos específicos para o público máis novo e, en concreto, a actividade "Planeta LGTB" achegará ás crianzas contacontos a cargo de Felipe Díaz (Caxoto) para reflexionar sobre riqueza da diversidade e sobre o colectivo LGTB.

En canto á adolescencia, a través da plataforma e as redes sociais difundirase a serie web S.E.X, da produtora Illa Bufarda que conta cun Premio Luísa Villalta das áreas de Cultura e Igualdade da Deputación da Coruña na súa segunda edición. A webserie está elaborada en colaboración con Aseia (Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e Adolescencia) e conta tamén co apoio de Sogasex (Sociedade Galega de Sexoloxía) e a Fundación Paideia, e trátase dun proxecto de educación sexual dirixido a adolescentes.

A páxina faise eco tamén dunhas palestras temáticas LGTBQI centradas na diversidade sexual, para falar dos dereitos, das barreiras e das liberdades, coa participación da karateka Cristy Tojo, a pediatra, Inés del Río, a representante da rede de apoio LGTBQI+, Noemí Díaz, o filósofo Enrique Latorre, as xornalistas Ángela Fernández e Bárbara G. Vilariño, a coordinadora do blog Corpos Incómodos, Daniela Ferrández, as escritoras María Reimóndez e Lucía Aldao ademais do responsábel do Club de Lectura LGTB Queeruña, Martín Añel.

Os concellos que forman parte desta campaña son os seguintes: Abegondo, Ames, Arzúa, Bergondo, Betanzos, Boiro, Boqueixón, Cabanas, Carballo, Cariño, Carnota, Carral, Cedeira, Cee, Cerdido, Coirós, Corcubión, Coristanco, Culleredo, Dumbría, Fene, Fisterra, Lousame, Malpica de Bergantiños, Mancomunidade de Ordes, Melide, Miño, Moeche, Muros, Muxía, Negreira, Noia, Oroso, Ortigueira, Outes, Paderne, A Pobra do Caramiñal, Ponteceso, Pontedeume, As Pontes de García Rodríguez, Porto do Son, Rianxo, Rois, Sada, San Sadurniño, Santa Comba, Santiso, Sobrado, Teo, Toques, Tordoia, Trazo, Val do Dubra, Valdoviño, Vedra, Vilarmaior, Vimianzo.

Asociacións que traballan a prol da igualdade e defensa dos dereitos LGTBQI e que forman parta da campaña Liberdade de ser e sentir!: Alas A Coruña, Corufest, Arelas, Asociación de Empresarias de A Coruña, Asociación Recreativa e Cultural Os Tilos,  Fundación Meniños, Es Coruña e Sexpoint Casco. Máis información: seresentir.gal, para consultar o programa e seguir a campaña.