Estás en:Novas

O Plan único da Deputación financia as obras de mellora da praza de San Lázaro e da nova rede de saneamento na rúa Outonil e Vista Alegre de Noia

As obras, en fase de licitación, suporán un investimento de 335.219 euros

O Plan único da Deputación financia as obras de mellora da praza de San Lázaro e da nova rede de saneamento na rúa Outonil e Vista Alegre de Noia

A Deputación da Coruña financiará, en colaboración co Concello de Noia, as obras de acondicionamento e mellora da praza de San Lázaro e da nova rede separativa de saneamento da rúa Outonil e Vista Alegre da localidade noiesa

Ambas as dúas obras están en fase de licitación pública ata o 28 de setembro e suman un investimento total de 335.219 euros, dos que 320.000 serán achegados con fondos do Plan único (POS+2019) da Deputación e 14.990 con fondos propios do Concello de Noia.

As obras de reurbanización da praza de San Lázaro pretenden mellorar a estética e a súa funcionalidade, que presenta diversas deficiencias. Para isto, sobre a zona actual de aparcadoiro e a rúa asfaltada cambiarase por completo o pavimento e ampliarase a zona de xogos, instalando novos aparellos biosaudables e multiaventura no contorno da capela.

No resto da praza de San Lázaro realizaranse obras de mantemento como substitución das luminarias, lixado e pintado dos farois, substitución do enreixado e das madeiras dos bancos e mantemento dos xardíns.

Nova rede de saneamento

A Deputación financiará tamén as obras de renovación da rede de saneamento das rúas Outonil e Vista Alegre de Noia, instalando un sistema separativo de augas pluviais e residuais.

A actual rede de saneamento ten máis de 30 anos de uso e presenta gretas nos colectores, fabricados en formigón e colocados a pouca profundidade (apenas 40 cm.) da superficie da estrada, o que provoca problemas no sistema.

A nova rede de saneamento será de PVC mentres que a de recollida de pluviais executarase en propileno. As obras incluirán as acometidas a todas as vivendas e os pozos, que tamén serán renovados, executaranse en formigón prefabricado.

Tras a execución da nova rede de saneamento, pavimentaranse as rúas con aglomerado de 5 cm de espesor e realizarase o recrecido dos pozos actuais para eliminar posibles fochas.

Páxinas suxeridas