Estás en:Novas

A Deputación da Coruña lanza a campaña 'Eu non (me) instalo (n)a trata' para contra a explotación sexual de mulleres

A iniciativa, promovida pola Área de Igualdade, é resultado da participación de 12 Centros de Información á Muller da provincia nun proxecto colectivo de sensibilización e creación artística coordinado por 7H Cooperativa Cultural coa colaboración de Médicos do Mundo

O programa vai especialmente dirixido á mocidade para concienciar sobre a prostitución e a pornografía

A Deputación da Coruña lanza a campaña 'Eu non (me) instalo (n)a trata' para contra a explotación sexual de mulleres

A Área de Igualdade da Deputación da Coruña vén de lanzar a campaña Baixo o lema 'Eu non (me) instalo (n)a trata: #nonputees' co obxectivo de concienciar a adolescentes e mocidade contra a trata de persoas con fins de explotación sexual.

A peza que se difunde xa nas redes sociais, baseada nunha animación que simula a reacción dun usuario dunha aplicación de servizos de prostitución ao descubrir a violación de dereitos humanos oculta tralo seu consumo, é resultado da implicación de traballadoras de 12 Centros de Información á Muller (CIM) da provincia no proxecto 'Descorre o veo da explotación invisibilizada'.

Este programa de sensibilización e acción colectiva, promovido pola Deputación da Coruña e desenvolvido baixo a coordinación de 7H Cooperativa Cultural coa colaboración de Médicos do Mundo Galicia, involucrou no deseño creativo da mensaxe a preto de 20 profesionais dos centros municipais de atención á muller, quen apuntaron a necesidade de desnormalizar entre a mocidade a compra de servizos sexuais coma unha forma de lecer.

"O que non se ve semella que non existe e esta é unha realidade que non se adapta á situación da trata de mulleres, unha explotación invisíbel coas que as institucións se teñen que comprometer activamente", sinala a deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, María Muíño, que destaca a necesidade de concienciar á mocidade para construír un futuro en igualdade e sen que unhas persoas poidan tratar a outras persoas coma mercancía.

Con este fin, a campaña procura poñer o foco no rol do cliente no negocio da trata para sensibilizar e educar, fundamentalmente a mozos de entre 15 e 25 anos, unha franxa de idade na que a concepción da sexualidade está fortemente influenciada polo consumo de pornografía e na que comeza a naturalizarse a compra de servizos sexuais coma unha práctica común, entendida en moitos casos coma unha demostración de virilidade.

O cuestionamento destas percepcións e dos valores patriarcais e capitalistas que as sustentan, foi un dos puntos consensuados polas traballadoras dos CIM ao longo das catro sesións de formación teórica e creación artística do proxecto, que se desenvolveu virtualmente entre o 23 de setembro, Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Mulleres, Nenas e Nenos, e o 18 de outubro, Día Europeo contra a Trata de Seres Humanos.

A primeira parte do programa, desenvolvida en colaboración con Médicos do Mundo, consistiu nunha contextualización do fenómeno da trata no noso país e a facilitación de ferramentas para a detección, atención, apoio e información a mulleres vítimas deste delito. Posteriormente, baixo a mediación de 7H Cooperativa Cultural, as participantes convertéronse nas creadoras dunha campaña artística de comunicación, consensuando colectivamente o obxectivo, canle de difusión e público destinatario, entre outros elementos, da súa proposta de sensibilización. A súa materialización nun formato visual foi executada polo equipo creativo de 7H e compartida, para a súa validación, cun pequeno grupo de mulleres ex prostituídas a través de redes de trata.

Páxinas suxeridas