Estás en:Novas

Cultura da Deputación reforza os Premios Torrente Ballester cunha programación cultural propia

Ignacio Martínez de Pisón formará parte do xurado deste ano e visitará A Coruña no mes de xuño para celebrar os 30 anos do premio Torrente que gañou coa novela "Nuevo plano de la ciudad secreta"

· Susana Pedreira e Ramón Rozas comisarián as convocatorias en español e galego.

· Entre xuño e decembro, autoras e autores galegos e do resto do Estado premiados co Torrente protagonizarán actividades culturais en espazos literarios e tamén nas redes sociais

· Ata o 15 de xuño permanece aberto o prazo para presentar obras orixinais ao premio en galego e castelán

· As obras gañadoras deste ano coñeceranse o 10 de decembro tralo fallo dos xurados que se reunirán no Pazo de Mariñán

Cultura da Deputación reforza os Premios Torrente Ballester cunha programación cultural propia

A Deputación da Coruña, a través da Área de Cultura, reforza a convocatoria do Premio Torrente Ballester de Narrativa cunha programación cultural que reivindicará a escritoras e escritores gañadores nos últimos 32 anos. Ata o 15 de xuño está aberto o prazo para presentar obras orixinais ao premio en galego e castelán e desde a área de Cultura, o deputado Xurxo Couto anuncia que o escritor Ignacio Martínez de Pisón "formará parte do xurado que elixirá a mellor novela en castelán. Nesta nova edición, a xornalista Susana Pedreira será a comisaria do premio en español mentres que Ramón Rozas encargarase do certame en galego.

O escritor Ignacio Martínez de Pisón visitará A Coruña para celebrar que se cumpren neste 2021 trinta anos do seu Premio Torrente". Era o ano 1989 cando Pisón, un novo escritor de 29 anos e aínda descoñecido para o público lector, gañaba o Torrente coa súa novela Nuevo plano de la ciudad secreta que posteriormente publicaría a editorial Anagrama. Foi un dos primeiros premios literarios do autor aragonés que hoxe, trinta anos despois, é un dos escritores máis recoñecidos da literatura estatal.

No ano 2011 Pisón gañou o Premio da Crítica e en 2015 o Nacional de Narrativa, pero antes, xa en 1989, o xurado do Torrente descubrira o seu talento. "Pisón é un exemplo da importancia de apostar por premios literarios como os que convocamos desde a Deputación da Coruña para descubrir novos talentos", salienta o deputado Xurxo Couto.

O programa de actividades dos Premios Torrente Ballester estarán coordinados por Susana Pedreira, o castelán, e Ramón Rozas, o galego, dúas persoas especializadas en proxectos e información cultural que están a participar na dinamización da convocatoria e o deseño de iniciativas paralelas ao fallo dos xurados.

En decembro: fallo do xurado

O Torrente Ballester é o premio máis veterano dos que organiza a Deputación da Coruña e nas 32 edicións anteriores - convocadas ininterrumpidamente desde o ano 1989 – presentáronse máis de 12.500 obras orixinais remitidas desde Galicia, o resto do Estado e Latinoamérica. Este ano, os xurados do Premio en galego e castelán reuniranse no Pazo de Mariñán e as obras gañadoras coñeceranse o día 10 de decembro.

"Animamos a todas as escritoras e escritores que teñan unha historia a que se presenten ao Torrente, un dos premios literarios con máis tradición e prestixio do país, cun premio económico moi importante de 12.000 euros para cada obra gañadora" , sinalou o deputado de Cultura, Xurxo Couto. Ademais, tal e como recollen as bases publicadas no BOP, a Deputación da Coruña publicará as obras premiadas, directamente ou a través doutra editorial.

O Premio Torrente en Instagram

Ademais, este ano o Premio Torrente estará presente entre as comunidades lectoras de dous bookstagramers galegos que suman máis de 50.000 seguidores en Instagram: Xacobe Pato e Lorena Bembibre. "A través das súas contas difundirán todas as novidades do premio, as actividades que a Deputación programará entre xuño e decembro, sorteos para participar en encontros con autores e conversas literarias que anunciaremos nas vindeiras semanas", adiantou Couto.

A Deputación da Coruña reforza así a convocatoria do Torrente co obxectivo de ir tecendo unha rede de espazos lectores que se formalizará en 2022 co obxectivo de visibilizar as obras gañadoras de todos os premios literarios que anualmente convoca a área de Cultura.

Páxinas suxeridas