Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
A Deputación da Coruña difunde o cinema galego a través do programa “Visións”

A Deputación da Coruña difunde o cinema galego a través do programa “Visións”

12 de Xaneiro de 2017

A Área de Cultura da Deputación contribuirá a difundir a produción audiovisual galega a través do programa "Visións", dentro da súa Rede Cultural. A nova liña ten aberta agora o prazo de inscrición de propostas que rematará o vindeiro día 20 de xaneiro.
A Rede Cultural da Deputación da Coruña inclúe entre as súas novidades un programa de cinema e contidos audiovisuais co nome de "Visións" destinado á programación dos concellos. Cada concello poderá solicitar un máximo de 8 proxeccións, das que como mínimo a metade deberán ser de produción propia galega.
"Visións nace co fin de contribuír de maneira decidida a que a produción audiovisual galega, de gran calidade, chegue ao público. Un dos problemas do sector son as dificultades de distribución e, desta maneira, quixemos que a Rede Cultural incluíse o apoio á difusión do audiovisual galego", explica a responsábel da Área de Cultura, Goretti Sanmartín Rei.
"Con este novo programa queremos contribuír á difusión dun novo audiovisual galego que agromou naqueles anos tan frutíferos da Axencia Audiovisual Galega, flocos.Tv e, en especial, ás axudas ao talento que están na orixe de boa parte das producións dos novos e as novas creadoras do sector", engadiu a responsábel da Área de Cultura.
A tamén vicepresidenta da Deputación, aproveita para destacar o bo momento do sector galego e a necesidade de facelo chegar ao público xeral. "O novo audiovisual galego está a achegar unha mirada propia cara a nós mesmas e de nós para o mundo e faino desde o talento e a diversidade de propostas que caracterizan o momento actual", explica.
O programa inclúe así dúas seccións diferenciadas, unha para propostas xerais e outra para a produción propia galega, orientada ao apoio á difusión dos filmes, documentais e creacións audiovisuais das empresas audiovisuais galegas, empresas que poderán presentar as súas producións até o vindeiro día 20 de xaneiro.
Os concellos porán a disposición das empresas o persoal necesario, garantirán o cumprimento das necesidades técnicas necesarias para a proxección e difundirán de maneira acaída o programa audiovisual.