Páxinas
Novas

Novas

Image Slider
"Os nenos da vella" da Coruña presentan o seu videoclip "Quero xogar"
Páxinas suxeridas
A banda é a gañadora do concurso Quero Cantar da Deputación da Coru

"Os nenos da vella" da Coruña presentan o seu videoclip "Quero xogar"

02 de Febreiro de 2018

 A Coruña, 2 de febreiro de 2018.- "Hai catro días xogaba na rúa, agora teño móbil e estou na lúa". Así comeza a canción "Quero xogar", o tema co que a banda da Coruña, "Os nenos da Vella" gañou a segunda edición do concurso "Quero Cantar" da Deputación da Coruña e que xa rula pola rede co videoclip que veñen de presentar nun acto na cidade. A banda "Os nenos da vella", da Coruña, presentou este venres ás 18.30 h. no Paraninfo da Reitoría da Universidade da Coruña, o videoclip "Quero xogar", canción gañadora da segunda edición do concurso "Quero Cantar", da área de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña. A vicepresidenta, Goretti Sanmartín, parabenizou na súa intervención ao grupo gañador e animou a participar na nova edición do premio.

O videoclip, rodado en diversas rúas e espazos da Cidade Vella da Coruña, contou coa colaboración de arredor de trinta nenos e nenas que se sumaron ao convite de xogar e compartir brincadeiras e deixar de vivir de maneira aillada pendente de distintas pantallas dixitais. "A intención do premio é tamén que se cree comunidade, sinerxías, que se xunten para pasalo ben e isto, como se ve, aconteceu nesta ocasión, cun barrio volcado na gravación deste videoclip", sinalou Goretti Sanmartín nun acto en que participaron boa parte da cativada que aparece nas imaxes.

A vicepresidenta da Deputación da Coruña destacou a grande relevancia desta nova edición do concurso, con dous temas gañadores que conseguiron ter un importante impacto nas redes e fixo que as bandas foran convidadas a varios programas televisivos. "Os nenos da vella", alzouse co galardón na categoría infantil da segunda edición do concurso Quero Cantar da Deputación da Coruña, na que participaron grupos de nenos e nenas de ata doce anos, coa interpretación do tema "Quero xogar", unha peza orixinal composta por Noa, Mikel e Yune, coa axuda do seu mestre, Javi.

A banda é una formación coruñesa formada Noa (voz e percusión), Mikel (caixón e coros) e Yune (baixo e coros), e cuxo nome provén do lugar onde xogan e cantan a diario, pois a totalidade dos integrantes proceden do casco vello da cidade herculina. Así, a formación complétase co mestre de música, Javi, co que se reúnen dende hai dous anos no local da Asociación Cidade Vella, para ensaiar as súas cancións e practicar con diferentes instrumentos musicais. No tema gañador, convidan a nenos e nenas a xogar e deixar de destinar o seu tempo de ocio ás redes sociais e ás novas tecnoloxías.

A Deputación da Coruña editou xa o disco da nova edición que, ademais da canción de "Os nenos da vella", inclúe o tema "Son muller" da banda "Máis boas cás patacas", gañadora na categoría xuvenil, e os de "Os Quinindiola" de Ferrolterra, "As estrelas do rock" de Ames, "Angry Cats" de Compostela e o Coro infantil da ESMU José Verea de Oroso.

O videoclip pódese ver a partir de hoxe no facebook do concurso Quero Cantar, unha iniciativa da área de Cultura e Normalización da Deputación da Coruña que prepara xa unha nova edición dunha iniciativa que anima a cantar en galego a nenos e nenas e mozas e mozos.