Estás en:Atención á Cidadanía Preguntas Frecuentes Preguntas frecuentes sobre a Oficina de Rexistro

Preguntas frecuentes sobre a Oficina de Rexistro

Coa nova Lei de Procedemento Administrativo Común as tradicionais Oficinas de Rexistro transfórmanse en Oficinas de Asistencia en Materia de Rexistros, cunha serie de novas funcións, entre as que destaca a asistencia no uso de medios electrónicos aos interesados e a dixitalización dos documentos presentados.
Nestas oficinas os cidadáns poden presentar as solicitudes, escritos e comunicacións que van dirixidos a calquera Administración Pública, xa sexa da Administración Xeral do Estado, da Administración Autonómica ou da Administración Local. Con carácter xeral, as oficinas dixitalizan ( escanean) a solicitude e demais documentos entregados polo cidadán, devolvendo o orixinal ao interesado e entregándolle un recibo cuxa función é a de acreditar a súa presentación ante a Administración.

Á súa vez, a Oficina ofrece toda a información relacionada co seu respectivo ámbito de actuación e orienta e asesora ao cidadán sobre as demandas que formule en relación coa Deputación provincial da Coruña.

- A través da Sede electrónica: Reclamacións, queixas e suxestións.

- Na Oficina de Rexistro Xeral da Deputación da Coruña (Avenida do Porto, nº 2; 15003-A Coruña).

Os documentos que os interesados dirixan aos órganos das Administracións Públicas poderán presentarse:

a) No rexistro electrónico da Administración ou Organismo ao que se dirixan, así como nos restantes rexistros electrónicos de calquera dos suxeitos aos que se refire o artigo 2.1.da Lei 39/2015

b) Nas oficinas de Correos, na forma que regulamentariamente se estableza.

c) Nas representacións diplomáticas ou oficinas consulares de España no estranxeiro.

d) Nas oficinas de asistencia en materia de rexistros.

e) En calquera outro que establezan as disposicións vixentes.

O interesado poderá presentar calquera tipo de solicitudes, escritos e comunicacións, así como os documentos que as acompañen, que vaia dirixido a calquera servizo da Deputación provincial da Coruña ou a calquera outra Administración Pública

Segundo establece o artigo 14.2 da Lei 39/2015, en todo caso, estarán obrigados a relacionarse a través de medios electrónicos coas Administracións Públicas para a realización de calquera trámite dun procedemento administrativo, polo menos, os seguintes suxeitos:

• As persoas xurídicas

• As entidades sen personalidade xurídica.

• Quen exerza unha actividade profesional para a que se requira colexiación obrigatoria, para os trámites e actuacións que realicen coas Administracións Públicas en exercicio da devandita actividade profesional. En todo caso, dentro deste colectivo entenderanse incluídos os notarios e rexistradores da propiedade e mercantís.

• Quen represente a un interesado que estea obrigado a relacionarse electrónicamente coa Administración.

• Os empregados das Administracións Públicas para os trámites e actuacións que realicen con elas por razón da súa condición de empregado público, na forma en que se determine regulamentariamente por cada Administración

As persoas físicas poderán elixir en todo momento se se comunican coas Administracións Públicas para o exercicio dos seus dereitos e obrigacións a través de medios electrónicos ou non, salvo que estean obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos coas Administracións Públicas. O medio elixido pola persoa para comunicarse coas Administracións Públicas poderá ser modificado por aquela en calquera momento.
Regulamentariamente, as Administracións poderán establecer a obrigación de relacionarse con elas a través de medios electrónicos para determinados procedementos e para certos colectivos de persoas físicas que por razón da súa capacidade económica, técnica, dedicación profesional ou outros motivos quede acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios. 

Si, tal e como establece o artigo 13. b) da Lei 39/2015, as persoas teñen dereito a ser asistidas no uso de medios electrónicos nas súas relacións coas Administracións Públicas. En calquera caso, a Lei presta especial atención aos interesados que non están obrigados a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas, sen prexuízo da posibilidade de asistencia aos obrigados polas canles que se determinen.

Se algún destes suxeitos obrigados á relación electrónica presentase unha solicitude presencialmente, requiriráselles para que a emenden a través da súa presentación electrónica e considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a corrección.

Os documentos presentados de maneira presencial ante as Administracións Públicas deberán ser dixitalizados pola oficina de asistencia en materia de rexistros na que fosen presentados para a súa incorporación ao expediente administrativo electrónico, devolvéndose os orixinais ao interesado, sen prexuízo daqueles supostos en que a norma determine a custodia pola Administración dos documentos presentados ou resulte obrigatoria a presentación de obxectos ou de documentos nun soporte específico non susceptibles de dixitalización.

De acordo ao artigo 16.5 da Lei 39/2015, se unha norma determina a obrigatoriedade de presentar documentos nun soporte específico non susceptible de dixitalización, como un PEN Drive, este terá que ser aceptado na Oficina de asistencia en materia de rexistro.