II edición do Programa de Formación para Entidades Deportivas de Base
A iniciativa ofrece formación especializada para mellorar a xestión dos clubs e reforzar os coñecementos técnicos de adestradores e adestradoras. As sesións desenvolveranse entre novembro e decembro, en modalidade presencial e en liña, con profesionais especializados en diferentes ámbitos do deporte.
A Deputación da Coruña pon en marcha a segunda edición do Programa de Formación para Entidades Deportivas de Base, unha iniciativa orientada a dar resposta ás necesidades dos clubs e das persoas vinculadas ao deporte de base da provincia. A primeira xornada terá lugar o vindeiro venres, 13 de novembro, en Noia, e marcará o inicio dunha programación que se desenvolverá ata decembro. As inscricións xa están abertas e poden realizarse a través do formulario dispoñible en liña.
O programa dá continuidade á primeira edición, que naceu co obxectivo de contribuír á mellora da xestión das entidades deportivas e ofrecer ferramentas prácticas para afrontar os retos administrativos, organizativos e técnicos do día a día dos clubs.
A primeira edición do programa confirmou o interese por este tipo de formacións, ao reunir máis de 100 asistentes de máis de 75 clubs, entidades deportivas e concellos da provincia da Coruña ao longo das xornadas desenvolvidas no ano 2025. Esta experiencia serve de punto de partida
para unha segunda convocatoria que amplía os contidos e continúa ofrecendo recursos prácticos ás persoas vinculadas ao deporte de base.
Nesta nova edición, a formación abordará cuestións relacionadas co adestramento, a saúde, a regulación emocional, a normativa deportiva e a xestión económica das entidades.
A programación contará coa participación de profesionais especializados en cada materia e combinará sesións presenciais en distintos concellos da provincia con formacións en liña, co propósito de facilitar a participación das persoas interesadas.
Un programa con diferentes ámbitos de especialización
Entre os contidos desta segunda edición figuran a especialización temperá e a carga de adestramento en menores de 15 anos, a xestión do éxito deportivo nas categorías de base, o soporte vital básico para persoas adestradoras e a regulación emocional no ámbito deportivo.
O programa tamén inclúe formacións sobre a cotización á Seguridade Social dos deportistas de alto nivel, as ensinanzas oficiais no deporte e o acceso para deportistas de alto nivel, o patrocinio e as doazóns para clubs e deportistas, os efectos da nutrición no rendemento e na saúde, a normativa sectorial deportiva e a xestión da contabilidade, a tesouraría e as obrigas fiscais.
As sesións serán impartidas por especialistas como Rafael Martín Acero, Mar Rovira, Roberto Barcala, Manuel Isorna, Eva María Blázquez Agudo, Dolores Pedrares, Yago Casal, Alicia Villegas, Miguel Juane e Álvaro Illobre.
Calendario e inscricións
As actividades desenvolveranse entre novembro e decembro de 2026. A primeira xornada celebrarase o vindeiro venres, 13 de novembro, en Noia, cunha sesión presencial que incluirá dúas formacións: soporte vital básico para persoas adestradoras, impartida por Roberto Barcala,
e regulación emocional no ámbito deportivo, a cargo de Manuel Isorna.
A programación continuará con sesións en liña e xornadas presenciais en diferentes localidades da provincia, entre elas Narón e Culleredo.
As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición a través da seguinte ligazón:
Formulario de inscrición: https://forms.gle/P5JHp5G7pug1n8xs5
Con esta nova edición, a Deputación da Coruña reafirma o seu compromiso co fortalecemento do deporte de base e coa mellora da capacitación das persoas que traballan diariamente nos clubs e entidades deportivas da provincia.