Proxectos
Entre os proxectos cofinanciados en recentes convocatorias destacamos os seguintes:
Proxecto: Reducir a pobreza mediante o reforzo das capacidades pecuarias coa posta en marcha dunha explotación extensiva de gando ovino na rexión de Bongouanou (Moronou)
Pais no que se desenvolve: Costa de Marfil
Breve resumo do proxecto:
Na Rexión de Mouronou, departamento de Bongouanou, atópase a pequena vila Akobakabo onde está a cooperativa agrogandeira de Mulleres Abussuan; ésta, ponse en contacto con Egueire para intentar mellorar a economía das súas familias coa posta en marcha dun sistema extensivo de explotación de gando ovino. A cooperativa Abussuan conta xa cuns terreos que ocupan 112,75 ha (en cada hectárea pode haber 3 o 4 ovellas) en zona de Sabana, máis que suficiente para poñer en práctica a gandería extensiva. Comezamos cun pequeno rabaño de ovellas de raza Djallonké predominante de ambiente tropical húmido, raza tripanotolerante, isto é especialmente importante en África, onde algúns tripanosomas particulares son pragas económicas e agrícolas importantes, construise un refuxio para gorecerse á noite. A cría de ovellas asociadas ás comunidades campesiñas, deberían ocupar cada vez máis, un lugar preponderante nas economías africanas, polo desenvolvemento social que involucra, polo seu rol como xeradora de ingresos ou como produtora de alimento local de alto valor para os colectivos rurais.
- Entidade promotora: Asociación de cooperación exterior Egueire
- Contraparte local: Egueire Côte d'Ivoire e Cooperativa de Mulleres Aboussuan
- Reportaxe fotográfica
Proxecto: Dar continuidade ao funcionamento do Centro Comunitario de Desenvolvemento Local Sostible “Escola Coruña” en Senegal
Pais no que se desenvolve: Senegal
Breve resumo do proxecto: No barrio de Tonghor, distrito Yoff (Dakar) sitúase o Centro Comunitario Escolar da Coruña para o Desenvolvemento Local Sostible (CCDLSEC), un proxecto de cooperación impulsado pola ONG Ecodesarrollo Gaia. As instalacións do CCDLSEC ofrecen actividades principais (unha escola infantil e obradoiros "Aprender para a Vida"), un espazo de calidade para mozos e mozas organizados de ambos sexos (deporte, teatro, danza, etc.) outras actividades a colectivos de mulleres (formación, obradoiros, encontros, exposicións de produtos, etc.), conta cun dispensario de curas e ofrece aloxamento e locais para voluntarios de proxectos de cooperación como Coruña Cura, compromiso solidario no que os cooperadores galegos que participan nos proxectos están a construír unha cidadanía global, e a consolidar un escaparate para A Coruña e a súa acción solidaria, xa dende o seu nome: "Escola da Coruña".
- Entidade promotora: Ecodesarrollo Gaia
- Contraparte local: Cooperativa de Mujeres Transformadoras de productos del Mar Seuty Ndiaré
- Reportaxe fotográfica
Proxecto: Fortalecemento do dereito a unha educación de calidade e mellora da empregabilidade dos mozos refuxiados do asentamento de Bidibidi en Uganda
Pais no que se desenvolve: Uganda
Breve resumo do proxecto:O proxecto contribuíu a mellorar a calidade educativa nun dos centros educativos do campo de refuxiados de Bidibidi, concretamente no CEIP de Kado (situado na zona 1), mediante a construción dunha aula, a dotación de enerxía solar e equipos informáticos que permitan a alfabetización dixital. A fonte de alimentación proporciona iluminación suficiente no colexio para o estudo en horario non laborable, luz para o alumnado e enerxía para o funcionamento da aula de informática anexa. Será unha oportunidade para mellorar a empregabilidade dos mozos refuxiados.
Tamén se levou a cabo un programa de formación de formadores para capacitar ao profesorado no uso das TIC para enriquecer a súa labor docente. O proxecto proporcionará mellores condicións para a educación infantil mediante a subministración de electricidade. Ademais, a creación dun espazo de formación en informática motivará ao profesorado a levar a cabo uns métodos de ensinanza máis participativos, o que redundará nunha redución das taxas de abandono do profesorado. O uso de equipos informáticos por parte do alumnado motivará o seu interese polos estudos e reducirá o absentismo escolar e, polo tanto, reducirá a posibilidade de que os menores caian en redes de trata.
- Entidade promotora: Asociación Mundial Ayuda a Pueblos Necesitados (Asociación AMAP)
- Contraparte local: Centro John Paul II Justice and Peace Centre (JPIIJPC)
- Reportaxe fotográfica
Proxecto de investimento para a mellora do saneamento e a hixieneno asentamento da Comunidad Mam Cajolá, municipio de Champerico, Retalhuleu, Guatemala
Pais no que se desenvolve: Guatemala
Breve resumo do proxecto:
Ao final do proxecto 16 familias da Comunidad Mam Cajolá en situación de vulnerabilidade habitacional e socioeconómica acceden a un sistema de xestión de excretas seguro, salubre, non contaminante e baixo un deseño con enfoque diferencial de xénero.
Trala execución completa do proxecto as 16 familias beneficiarias da Comunidade Mam Cajolá contan con un sanitario seco ecolóxico que permite a correcta xestión das escretas de forma segura, salubre e non contaminante.
- Entidade promotora: Arquitectura Sen Fronteiras
- Contraparte local: ASOCIACIÓN INDÍGENA AGROPECUARIA PRODESARROLLO INTEGRAL (ASIAPRODI)
- Reportaxe fotográfica
Proxecto: Garantir o acceso ao dereito fundamental á restitución de terras, incorporando os enfoques étnico e diferencial, de vítimas do conflito armado colombiano no Departamento de Antioquia.
Pais no que se desenvolve: Colombia
Breve resumo do proxecto:
O proxecto ven a dar continuidade a unha estratexia máis ampla que vimos desenvolvendo co apoio da Deputación da Coruña desde o ano 2017. A intervención ten como o obxectivo garantir o acceso ao dereito fundamental á restitución de terras, incorporando os enfoques étnico e diferencial, de vítimas do conflito armado colombiano no Departamento de Antioquia.
Enmarcase no compromiso da Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e a Fundación Forjando Futuros (FFF) de contribuír á implementación e a mellora da Lei 1448 de 2011, a normativa máis importante que existe en Colombia para garantir os dereitos de verdade, xustiza e reparación integral das vítimas do conflito armado colombiano. Así mesmo, busca contribuír ao desenvolvemento do punto 1° dos Acordos de Paz asinados entre a guerrilla das FARC e o gobernó colombiano. Coa intervención vaise facilitar a representación xurídica de núcleos familiares que están en proceso de reclamación das terras das que foron desposuídas no marco do conflito. Vanse priorizar as tres subrexións con maior no de casos en reclamación: Oriente antioqueño, Bajo Cauca e Urabá. A maiores vaise apoiar un litixio estratéxico, que agrupe a un mínimo de 15 familias, e que permita iniciar procesos fundamentais por afectacións ambientais e/ou sentenzas que marquen xurisprudencia para outros casos similares no país.
- Entidade promotora: Asemblea de Cooperación pola Paz
- Contraparte local: FUNDACIÓN FORJANDO FUTUROS
- Reportaxe fotográfica
Proxecto: Ampliación do Centro de Formación e Innovación Tecnolóxica – CEFOIT, para a mellora da calidade educativa, a ampliación da oferta formativa e o acceso inclusivo de mulleres rurais da rexión do val de San Lorenzo
-Pais no que se desenvolve: Perú
-Breve resumo do proxecto:
O obxecto do presente proxecto é o de apoiar a ampliación do Centro de Formación e Innovación Tecnolóxica –CEFOIT, que ten como finalidade o desenvolvemento das capacidades técnicas de produtoras e produtores, mozos e adultos do Val de San Lorenzo para a xestión sostible dos bosques secos, emprendementos pecuarios e mellora dos sistemas de produción agrícola mediante o desenvolvemento de investimentos relacionados coa construción e posta en marcha dunha aula formativa para 30 persoas, un espazo de módulo de post-colleita e control de calidade cunha dobre funcionalidade, espazo de capacitación e módulo de agroexplotación, mellorando deste modo a calidade educativa, e un aseo externo, ampliando a oferta formativa e garantindo unha maior cantidade de prazas de capacitación no centro de referencia na rexión para a capacitación das comunidades en innovación tecnolóxica produtiva agropecuaria e forestal. O fin último do proxecto pasa por contribuír a un desenvolvemento rural inclusivo, solidario e sostible que mellore as condicións de vida das comunidades do Val de San Lorenzo, con especial atención á situación de vulnerabilidade das mulleres, mediante o fortalecemento das comunidades de bosque e as organizacións locais de desenvolvemento e o fomento de emprendementos de alto valor agregado. A través da execución do presente proxecto preténdese fortalecer a un total de 14 comunidades de bosque situadas non val de San Lorenzo, composto polos distritos de Tambogrande e As Lomas.
-Entidade promotora: Fundación Galicia Innova
-Contraparte local: Centro de Formación y Promoción para el desarrollo SOLIVIDA
-Reportaxe fotográfica