V Congreso Memoria Diversa

A Seción de Igualdade e Dereitos Civís da Deputación da Coruña organiza a quinta edición do congreso MEMORIA DIVERSA, unha cita xa consolidada e que se converteu nun referente para a recuperación e dignificación da historia do colectivo LGBTIQA+ en Galicia.
Esta nova edición terá lugar o vindeiro sábado 6 de xuño de 2026 e propón unha fonda reflexión arredor do papel da Igrexa como institución clave na construción histórica das normas sociais sobre o corpo, o sexo e o xénero. A través de perspectivas históricas, activistas, culturais e divulgativas, o programa analizará os mecanismos de control, represión e, sobre todo, as estratexias de resistencia fronte á diversidade sexual e de xénero durante a Ditadura e a Transición.
Un programa completo con voces expertas e activistas
A xornada de mañá arrancará ás 10:00 h coa inauguración a cargo de Sol Agra Tuñas, seguida da intervención da historiadora Guillermina Domínguez, quen falará sobre a homosexualidade negada das mulleres no franquismo. A continuación, a mesa "Por que ninguén falou delas?" abordará a represión do Padroado de Protección á Muller a través de Silvia Fernández Quinteiro, Belén Cillero e Daniela Ferrández. A mañá pecharase cun espazo dedicado aos arquivos da memoria queer, coa participación da Fundación 26 de Diciembre, a Asociación Palestra e a Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.
Pola tarde, o congreso abordará a memoria do activismo e as denominadas terapias de conversión. Contarase coas testemuñas de Pablo Andrade e Rubem Centeno (Maribolheras Precarias / Colectivo Gai Compostela) e do avogado e presidente de 'No es terapia', Saúl Castro. O eixe cultural e literario virá da man de Fernando Olmeda (autor do fito El látigo y la pluma) e Andrea Momoitio (Farsante). O broche de ouro porao o peche musical de Lucía Aldao.
Como en edicións anteriores, as mesas estarán presentadas e moderadas polas principais entidades do asociacionismo LGBTIQA+ galego actual: LesCoruña, Arelas, Avante LGBT, ALAS Coruña e o club de lectura QUEERuña.
Acceso e retransmisión
O congreso celebrarase no Espazo de Intervención Cultural "A Normal" (A Coruña). O acceso é totalmente libre e de balde ata completar o aforo. Ademais, co obxectivo de espallar este coñecemento e facilitar o acceso a investigadoras e público xeral, as xornadas emitiranse en streaming a través da canle de YouTube da Deputación da Coruña, onde o material quedará aloxado como arquivo histórico.

