Sinaladas


A exposición "Sinaladas, provincia da Coruña" (en fase de produción) propón unha andaina pola loita que as galegas, e nomeadamente as mulleres da provincia da Coruña, emprenderon durante cen anos: desde o agrarismo de finais do século XIX ata o papel xogado no proceso de transición iniciado tras a morte do ditador Francisco Franco. Formada por 39 paneis, a mostra está dividida en tres grandes bloques, que a trazo groso se corresponderían co tempo anterior ao golpe de Estado, o período que vai deste ao fin da guerrilla, e o da loita en prol da recuperación das liberdades democráticas. Mais tamén hai unha clara orde temática.

Así, o primeiro bloque, o centrado na época anterior ao golpe de Estado, percorre o papel das mulleres na loita agraria, sindical e política, así como a súa incorporación ao ensino e ao auxe cultural, e empeza tamén a mergullarse no alto prezo que estas pioneiras pagaron pola súa implicación.

O segundo bloque é o de maior protagonismo da represión franquista por ser a ditadura a principal inimiga dos avances das mulleres e, por tanto, a grande diana da súa loita no século de estudo. Fálase da implicación das mulleres na loita contra o golpe de estado e de como a mantiveron logo do triunfo do fascismo, abórdase o seu papel no exilio e na guerrilla e ademais analízanse as consecuencias que a ditadura tivo sobre o corpo feminino, desde o sexismo de castigos como a rapa do pelo, a obriga de inxerir aceite de rícino ou as violacións, ata realidades tan estarrecedoras coma o Patronato de Protección a la Mujer ou o roubo de bebés.


Por último, dentro dese foco cara ao papel que as mulleres xogaron na loita que en prol da democracia se levou a cabo na Galiza dos anos 60 e 70 e mesmo máis alá da morte do ditador, no terceiro bloque falamos da loita estudantil e a implicación das mulleres no abrollo cultural, con tanto protagonismo desta provincia. Así, poñemos nome ás implicadas no 68 compostelán ou lembramos as consecuencias que tivo para mulleres como Pepa Baamonde, María Victoria Moreno ou Tareixa Navaza a súa loita polo noso idioma e a nosa cultura. Rescátase tamén o pouco recoñecido labor das galegas en loitas como a rexistrada en 1972 en Bazán (que acabou con varias implicadas en procesos do TOP), ou no rexurdir do nacionalismo galego e, como non podía ser doutro xeito, homenaxeamos as pioneiras do feminismo, a algunhas de tantas mulleres que abriron sendas polas que as xeracións actuais aínda transitamos.

Así, "Sinaladas" ten por obxecto dar a coñecer a centos de mulleres, que malia o sinaladas (destacadas) que eran, ficaron descoñecidas logo de ser sinaladas (perseguidas) pola intransixencia, non só franquista, que as relegou a un esquecemento do que esta mostra as quere quitar.

Esta exposición é unha adaptación á provincia da Coruña da exposición Sinaladas "A loita das mulleres do século XX" promovida pola área de Cultura.  Esta exposición conta cunha unidade didáctica que podedes consultar no seguinte enlace: https://www.dacoruna.gal/cultura/sinaladas/