Estás en:Novas

A Deputación colabora co programa ‘Vivenda con apoio’ da Asociación Ambar

A subvención enmárcase dentro da liña de axudas a entidades que prestan un servizo social na provincia e permitirá impulsar unha vivenda tutelada e diversos servizos e talleres para fomentar a autonomía das persoas con diversidade funcional

A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, destaca que este tipo de servizos cobran "se cabe, máis importancia nestes momentos marcados pola pandemia e os riscos sociais, sanitarios e económicos derivados dela"

A Deputación colabora co programa ‘Vivenda con apoio’ da Asociación Ambar

A Deputación da Coruña colabora coa Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional no impulso do programa 'Vivenda con apoio', ao que o ente provincial dedica 22.000 euros, a través dunha das liñas de axuda dedicadas a entidades sociais da provincia.

A través desta achega,a Deputación dá apoio á vivenda tutelada de Ambar, activa desde o 2014. Un domicilio que asiste ás persoas con diversidade funcional que se atopen nunha situación de emerxencia. "Unha iniciativa que nestes momentos de risco social, sanitario e económico cobra, se cabe, máis importancia", destacou a deputada de Benestar Social, Ana Lamas. "Desde a Deputación queremos traballar de forma conxunta con Ambar para promover a independencia, autonomía e igualdade de oportunidades das persoas con diversidade funcional, adaptándonos ao contexto actual, marcado pola pandemia", explicou Lamas.

Con este servizo, a Asociación favorece a autonomía no fogar dos usuarios, así como as súas habilidades básicas e instrumentais para a vida diaria e o coidado da saúde.

Deste modo, o proxecto combina diferentes accións para impulsar a calidade de vida destas persoas. Dunha banda, ofrece apoio directo e vía telefónica aos usuarios atendendo ás súas necesidades. A través de chamadas establécense pautas para a xestión emocional en momentos de incerteza e estrés e, en caso de confinamento por risco de contaxio, realízanse contactos telefónicos semanais para valorar a situación nos propios domicilios e crear un ambiente de tranquilidade e seguridade.

Tamén se levan a cabo obradoiros teórico – prácticos in situ para adquirir habilidades para a vida diaria, empregando recursos e materiais reais propios dun fogar. Á súa vez, ofrécense talleres de manexo das novas tecnoloxías para favorecer a comunicación e o uso de servizos comunitarios. Por outra banda,a actuación conta con obradoiros de educación para a saúde, nos que se indican pautas para a prevención do contaxio da covid-19, ademais de hábitos saudables baseados no exercicio e a boa alimentación. Por último, a asociación ofrece a súa vivenda tutelada a aquelas persoas que por diversos motivos se vexan nunha emerxencia e precisen residir de forma temporal nela.

Ana Lamas quixo destacar o importante traballo que "leva a cabo esta entidade, que ten a solidariedade, a inclusión e a diversidade como valores de referencia".

Asociación Ambar

A Asociación Ambar presta servizo a persoas con diversidade funcional e ás súas familias nos concellos de Boiro, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Rianxo e Porto do Son. A súa misión é promover unha sociedade igualitaria na que todas as persoas gocen dos mesmos dereitos e poidan vivir de forma independente e autónoma.

Para iso, leva a cabo múltiples iniciativas que buscan sensibilizar e educar en valores, mellorar a accesibilidade universal, aportar servizos de autonomía persoal e conciliación familiar, posibilitar a vida independente dentro da comunidade, promover o traballo digno, impulsar a expresión artística e a creatividade e facilitar experiencias deportivas culturais e de lecer.

Páxinas suxeridas