Estás en:Novas

A Deputación continúa difundindo a figura e legado de Carvalho Calero a pé de rúa en varios concellos da provincia

Desde esta mañá e ata o 18 de outubro, a avenida do Malecón de Ribeira acolle os trece expositores que percorren outras tantas etapas da vida do autor ao que se lle dedicara o Día das Letras Galegas o pasado ano

A exposición continuará itinerancia pola provincia e despois de Ribeira poderá visitarse en Betanzos, Sada, Melide e Rianxo

A Deputación continúa difundindo a figura e legado de Carvalho Calero a pé de rúa en varios concellos da provincia

A deputada de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, María Muíño, participou esta mañá no acto de apertura da exposición que percorre a vida e a traxectoria de Ricardo Carvalho Calero e que permanece instalada a ceo aberto na avenida do Malecón de Ribeira. Trátase da mostra coa que o ente provincial homenaxea o autor ao que o pasado ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas e cuxa celebración quedara "desdebuxada" por mor da irrupción da pandemia e as restricións que implicou.

En Ribeira, a apertura da exposición estivo acompañada por unha actividade complementaria organizada desde o Concello e que consistiu nun contacontos relativo a Ricardo Carvalho Calero co fin de difundir o seu legado entre a comunidade escolar.

Na súa visita, María Muíño fixo fincapé en que "esta iniciativa nos permite abordar a figura deste autor dun xeito autobiográfico pero tamén conectando a súa traxectoria con fitos relevantes na historia do país", ao tempo que indicou que "ao optar por un formato de exposición que pode visitarse a pé de rúa tamén pretendemos facilitar que a difusión chegue ao maior número de públicos posible". A deputada de Normalización Lingüística estivo acompañada durante o acto de apertura por membros da corporación municipal de Ribeira, como a primeira tenente de alcalde, María José Sampedro, e os concelleiros Ramón José Doval, Víctor Reiriz e Xosé Cobas.

A exposición, a través de trece expositores permite percorrer outras tantas etapas da vida de Carvalho Calero, facendo especial fincapé no legado do autor ao que o pasado ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas. Así, nestes trece paneis pódese visitar a traxectoria vital e profesional do autor, desde o seu nacemento en Ferrol até o peche co titulado "Mestre de Compromisos" onde se fai mención ás distintas homenaxes que recibiu antes do seu falecemento e tamén se recolle unha imaxe do alumnado da primeira promoción de Filoloxía galego-portuguesa da que foi profesor.

A mostra, concibida desde a filosofía da itinerancia co fin de chegar a diferentes puntos da provincia, iniciara o percorrido en Ferrol por ser o lugar de nacemento do propio Ricardo Carvalho Calero. Agora, permanecerá exposta en Ribeira ata o día 18, para despois viaxar ata Betanzos, onde poderá visitarse ata o 28 de outubro, para trasladarse posteriormente a Sada (entre o 28 de outubro e o 15 de novembro), Melide (do 15 ao 29 de novembro) e Rianxo (do 20 de xaneiro ao 3 de febreiro de 2022).

Páxinas suxeridas