Estás en:Novas

González Formoso destaca a importancia da nova Lei que "potenciará" a Formación Profesional, adecuándoa ás necesidades do mercado laboral

Lamenta que o PP fose o único partido que votou en contra dunha lei que mellora a Formación Profesional: "a cidadanía percibe a Formación Profesional como unha necesidade e como unha aposta intelixente, polo que é unha mágoa que non haxa consenso político por parte do principal partido da oposición estatal", sinalou o presidente nunha visita ao IES Rosalía Mera xunto ao delegado do Goberno, José Miñones

Valentín González Formoso destaca que a lei ofrece "un sistema integrado e facilita itinerarios ao longo de toda a vida profesional das persoas"

Miñones destaca a "transferencia histórica" de 84 millóns para mellorar a FP en Galicia

O 80% do alumnado que remata a súa formación profesional no IES Rosalía Mera atopa traballo en menos de dous meses

González Formoso destaca a importancia da nova Lei que

Valentín González Formoso confía en que a nova Lei Orgánica de Ordenación e Integración da Formación Profesional sirva para seguir impulsando centros como o IES Rosalía de Mera, pioneiro en toda Galicia na posta en marcha da FP dual.

Así o confirmou, esta mañá, o presidente do ente provincial, Valentín González Formoso, que visitou o instituto xunto co delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones.

Actualmente, o IES Rosalía de Mera, que depende da Deputación, imparte 11 ciclos formativos (tres de FP básica, seis de Grao Medio e dous Ciclos superiores) e conta con 345 alumnos e alumnas e con 34 profesores e profesoras. Máis aló destas cifras, o instituto destaca polo seu elevado índice de inserción laboral. Así, o 80% do alumnado que remata a súa formación profesional no IES Rosalía de Mera atopa un traballo en menos de dous meses.

O presidente da Deputación sinalou o "orgullo" de contar con este tipo de institucións, que "formou a varias xeracións de coruñeses e coruñesas". González Formoso agarda que esta nova lei sirva de "impulso" para este tipo de centros de ensinanza.

O presidente indicou que esta lexislación garantirá a implantación dun sistema formativo "integrado e ascendente que, por primeira vez, estará dirixido a estudantes e traballadores e que, ademais, facilitará itinerarios formativos ao longo de toda a vida profesional das persoas".

Lamenta a ausencia de consenso político

O presidente lamentou que, a pesar das múltiples "virtudes" do texto legal, o PP fose o único partido en non apoiar a lexislación: "a cidadanía percibe a Formación Profesional como unha necesidade e como unha aposta intelixente, polo que é unha mágoa que non haxa consenso político por parte do principal partido da oposición estatal". Como apuntou González Formoso, as previsións do Goberno de España para o 2025 indican que o 49% dos postos de traballo requirirán dunha cualificación de Formación Profesional, o que evidencia a "necesidade de potenciar estes itinerarios formativos e adecuar a oferta ás demandas do mercado de traballo actual".

José Manuel Miñones sinalou o "triplo" compromiso do Goberno cos "mozos e mozas, aos que lles queremos ofrecer educación e emprego de calidade". Neste sentido, o delegado do Goberno sinalou que estas premisas se conseguirán, non só coa aprobación da nova lei, senón tamén "cunha transferencia histórica de 84 millóns que vai permitir seguir impulsando a formación profesional".