Estás en:Novas

A Deputación abre o prazo para que os colexios da provincia se presenten ao concurso escolar de investigación sobre a pegada da emigración galega en América

O I certame 'Lazos coruñeses con América Latina' diríxese ao alumnado dos centros escolares da provincia, que poderán entregar os seus traballos ata o vindeiro 30 de abril

Os documentos deberán analizar a incidencia e repercusión que historicamente tivo a emigración na provincia e nos países de destino, valorándose especialmente aqueles que favorezan que as comunidades creadas en América e as galegas poidan restablecer contacto

O ente provincial repartirá 8.500 euros en premios

A Deputación abre o prazo para que os colexios da provincia se presenten ao concurso escolar de investigación sobre a pegada da emigración galega en América

A Deputación da Coruña abre o prazo para presentarse ao I premio de traballos de investigación escolar 'Lazos coruñeses con América Latina'. Con este certame, o ente provincial quere contribuír a dar a coñecer a importante historia da emigración galega entre a mocidade. O concurso vai dirixido ao alumnado dos centros escolares da provincia da Coruña, que poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 30 de abril.

O certame afondará na pegada da diáspora galega no mundo e nas comunidades xeradas ao outro lado do océano, así como fomentará e recuperará lazos de unión con elas. "Nos séculos XIX e XX produciuse unha emigración en masa cara países latinoamericanos con gran presenza galega", sinalou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso. "Aínda que non contamos con números exactos de galegos emigrados, os datos apuntan a que foron arredor de 1,2 millóns", remarcou o presidente, que destacou a importancia do certame "para que as novas xeracións estuden e coñezan a decisiva contribución da emigración galega ao desenvolvemento de Galicia e dos países que nos acolleron", así como para "tratar de reconectar entre si as comunidades galegas dispersas polo mundo, para que a nosa historia siga viva".

O xurado do certame está composto pola periodista e escritora María Xosé Porteiro, a historiadora de economía María Xosé Rodríguez Galdo e a investigadora e escritora arxentina Micaela Fernández Darriba.

A Deputación promove este premio co que pretende fomentar, a través da implicación da mocidade, a recuperación dos lazos de unión, afectividade, coñecemento e colaboración coas comunidades galegas nos países de América Latina, así como analizar as consecuencias deste movemento no territorio coruñés.

Contido dos traballos

Os centros que participen na iniciativa deberán facelo a través de equipos de investigación conformados por un mínimo de cinco alumnos e alumnas e ser dirixidos por un profesor ou profesora do centro, que será o responsable do proxecto. Así pois, os traballos deberán tratar a incidencia, repercusión ou efectos que historicamente tivo a emigración na contorna xeográfica do centro educativo ou zonas de residencia das persoas que integren os grupos de investigación participantes. Tamén deberán encamiñarse cara o coñecemento de como se estableceron as comunidades nos países de destino e o impacto que tivo neles e nas propias vilas da provincia da Coruña.

As propostas presentadas deben ser orixinais e o xurado do certame valorará especialmente aqueles traballos que favorezan a posibilidade de que as comunidades poidan restablecer contacto entre os descendentes en América Latina e na provincia da Coruña.

As persoas interesadas en inscribirse poderán facelo de xeito telemático a través da plataforma SUBTeL da Deputación https://www.dacoruna.gal/dicoruna-subtel/.

O prazo para apuntarse estará aberto ata o 30 de abril de 2022. Para máis información poderase contactar co teléfono 981 080 704 ou enviar un correo a premiolacal@dacoruna.gal.

8.500 euros en premios para a compra de material escolar

A Deputación repartirá 8.500 euros en premios, que poderán ser investidos para a compra de material escolar.

1º clasificado: 3.000 euros

2º clasificado: 2.000 euros

3º clasificado: 1.500 euros

Accésits 1 e 2: 1.000 euros cada un

O ente provincial tamén fará entrega dunha distinción simbólica e un recoñecemento público. O xurado poderá así mesmo facer unha mención honorífica a algún dos proxectos presentados pola súa calidade técnica ou pola calidade da investigación.

Toda a información nas bases publicadas no BOP:

 https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2021/11/12/2021_0000007943.pdf