Estás en:Novas

A Deputación organiza xornadas sobre autoprotección fronte a incendios forestais no marco do proxecto europeo GEFRECON

As xornadas de formación e información tratarán temáticas como as accións de loita contra o lume

As formacións desenvolveranse de xeito telemático e presencial, nos concellos de Oleiros e As Pontes de García Rodríguez.

As actividades terán unha duración de dúas horas e desenvolveranse durante os días 21, 24 e 28 de xaneiro en horario de tarde

A Deputación organiza xornadas sobre autoprotección fronte a incendios forestais no marco do proxecto europeo GEFRECON

No marco do proxecto europeo Gestión Forestal Conxunta para Prevención de Incendios en Territorio POCTEP (GEFRECON) a Deputación organiza xornadas formativas para a protección das masas forestais, en colaboración co Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA).

Estas formacións desenvolveranse no concello das Pontes de García Rodríguez, no concello de Oleiros e de xeito telemático os días 21, 24 e 28 de xaneiro, respectivamente, co obxectivo principal de sensibilizar a poboación sobre os incendios e cales son as mellores prácticas que se han adoptar para a súa prevención. Con elas preténdese resolver un dos problemas antrópicos que xeran máis incendios e de maior virulencia, como é a falta de sensibilización e formación da poboación e distintos actores de cara a respectar o mantemento das masas forestais en bo estado.

As actividades terán unha duración de dúas horas en horario de tarde e os contidos abordaranse en diferentes bloques temáticos: a importancia da conservación dos bosques, o uso do lume polos humanos, o lume como elemento natural e ecolóxico nos ecosistemas, os factores que afectan á súa propagación e os tipos que existen, as accións na loita contra os incendios, así como consellos e recomendacións.

As inscricións realizaranse de xeito telemático a través da páxina web do CEIDA: http://www.ceida.org/gl/formacion-gl/xornadas-de-sensibilizacion-sobre-incendios-forestais-0

A Deputación, consciente da situación do monte galego e da necesidade de achegar os recursos para o axeitado mantemento e conservación das masas forestais organiza estas xornadas de formación e información da poboación en xeral e, en particular, destinadas á poboación do rural, xa que resulta clave debido á súa proximidade e vínculo cos espazos naturais.

Ademais, de cara a unha xestión conxunta e correcta de todas as masas forestais, aínda que estas actividades estean a se desenvolver na provincia da Coruña, o proxecto GEFRECON ten intención de implantalas noutras comunidades do país e incluso en Portugal de cara a mellorar a xestión forestal no conxunto do territorio peninsular.

Proxecto europeo GEFRECON

Esta iniciativa forma parte do proxecto europeo GEFRECON, que se enmarca no Programa operativo de cooperación transfronteiriza España Portugal (POCTEP) e está cofinanciado polo fondo FEDER.

O proxecto ten como obxectivo desenvolver accións conxuntas e innovadoras que reduzan o risco de incendios forestais no territorio POCTEP. Para conseguilo, búscase o desenvolvemento de plans conxuntos, a sensibilización da poboación, a información e formación en auto protección e a promoción da creación de empresas forestais.

Máis información do proxecto en https://www.gefrecon.eu/.