Estás en:Novas

O departamento de Cultura da Deputación promove a estrea de ‘COME AND GO. Dramatícula No 121-127’ no Colón

Dirixida por Helena Salgueiro en coprodución co CDG, e interpretada pola propia Helena Salgueiro, Iria Sobrado e Ana Gesto, baséase nun dos textos menos coñecidos, pero máis valorados pola crítica, do dramaturgo irlandés Samuel Beckett. A entrada para a función, programada para este venres 28 de xaneiro, é de balde, con reserva previa de convite na web do teatro

"Na nosa aposta por programar propostas de calidade, sempre estamos atentos e receptivos para ofrecerlle ao público o máis interesante do traballo de creadores e creadoras galegas, en todos os ámbitos, e ese é o caso deste espectáculo multidisciplinar que levará ao Colón unha peza performativa na que caben o teatro, o cinema en vivo, a danza e a instalación visual e a música", sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto

O departamento de Cultura da Deputación promove a estrea de ‘COME AND GO. Dramatícula No 121-127’ no Colón

O Teatro Colón acolle este venres 28 de xaneiro, ás 20 horas, a estrea de 'COME AND GO. Dramatícula No 121-127', a versión multidisciplinar, dirixida por Helena Salgueiro en coprodución co CDG, e interpretada pola propia Helena Salgueiro, Iria Sobrado e Ana Gesto, dun dos textos menos coñecidos, pero máis valorados pola crítica, do dramaturgo irlandés Samuel Beckett. Logo da función, que contará con tradución simultánea á linguaxe de signos, haberá unha charla 'Q&A' moderada por Sabela Mendoza. A entrada é de balde, con reserva previa de convite na web do teatro.

O deputado provincial de Cultura, Xurxo Couto teno moi claro á hora de explicar por que o seu departamento decidiu apoiar a estrea: "Na nosa aposta por programar propostas de calidade, sempre estamos atentos e receptivos para ofrecerlle ao público o máis interesante do traballo de creadores e creadoras galegas, en todos os ámbitos, e ese é o caso deste espectáculo multidisciplinar que levará ao Colón unha peza performativa na que caben o teatro, o cinema en vivo, a danza e a instalación visual e a música e que, ademais, está baseada nunha das obras menos coñecidas, pero máis perfectas, segundo os especialistas, de Samuel Beckett, un dos grandes autores da literatura universal".

O deputado provincial louvou a profesionalidade de todo o equipo que está detrás da montaxe; nomeadamente, da súa directora, Helena Salgueiro, "unha artista multipremiada en todos os eidos da creación, xa como poeta, como performer, actriz, directora artística, bailarina, música ou cantante. Con Helena e con 'COME AND GO. Dramatícula No 121-127' cúmprese moi claramente a afirmación de que a arte tira pola arte, por iso non podiamos máis que poñer en valor este espectáculo e animar a xente a que veña ao Colón a vivir unha experiencia que seguro gozará".

'COME AND GO. Dramaticule N° 121-127' é unha peza performativa independente que mestura danza, teatro, performance procesual, instalación visual, cinema en directo, tradución e creación literaria. "Desde o xesto gravado", sinala a súa directora, "afóndase: na escritura espacial, no tempo, na linguaxe e na transnacionalidade". "Partimos", engade, "da primeira tradución ao galego da obra homónima de Samuel Beckett e propoñemos unha versión dun dos textos menos coñecidos do dramaturgo irlandés, Come and Go, apostando por unha estética minimalista e expresionista, nun non-lugar onde o tempo parece distenderse, e onde tres mulleres conversan con linguaxe e xestos, formando unha coreografía espacial, arrodeadas de imaxes fragmentadas, fotogramas e sensores de movemento". "As intérpretes", remata, "completarán a obra orixinal mediante investigación física de laboratorio, conformando unha peza escénica procesual".

A adaptación ten prevista, no proxecto orixinal, unha tradución e edición en papel que verá a luz durante este ano, coordinada por Tamara Andrés. Completan o equipo da montaxe o Colectivo MOM (Óscar Domínguez, Manuel Fonte e Miriam Pato (apoio kinect, iluminación e asistencia técnica), Atzi Muramatsu (música), Marcos Montiel (apoio cinematográfico), Alberte Peiteavel (fotografía), Tania Campos (vestiario) e Paulina Funes (deseño gráfico). Toda a produción, realizada baixo os parámetros do Theatre Green Book, é accesible e sostible, co compromiso dunha xeración de plástico do 0%, a menor pegada de carbono posible no transporte e a iluminación e unha escenografía con materiais naturais e reciclados.