Estás en:Novas

González Formoso comproba o resultado final das obras da ponte sobre o rego Pesqueira, en Lousame

Finalizaron as tarefas ás que o ente provincial achegou 176.300 euros para ampliar a plataforma dos 5 aos 12 metros e crear un itinerario seguro para o tránsito peonil

O presidente provincial e a alcaldesa do municipio acudiron ao lugar para avaliar o resultado desta actuación, moi demandada pola veciñanza

González Formoso comproba o resultado final das obras da ponte sobre o rego Pesqueira, en Lousame

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, achegouse esta semana a Lousame para comprobar o resultado final das obras de terminación da nova ponte sobre o rego Pesqueira na DP-4202 de Aldea Grande ao Couto.

Na compaña da alcaldesa do municipio, Teresa Villaverde, e da deputada provincial Sandra González, o presidente provincial acudiu ata o lugar para verificar que as tarefas remataron correctamente despois dos imprevistos xurdidos en 2020. Nese ano as obras quedaron paralizadas debido ao incumprimento da empresa adxudicataria, polo que o departamento provincial de Vías e Obras procedeu á resolución do contrato e redactou os novos proxectos técnicos para continuar e rematar os traballos, que agora veñen de finalizar. O proxecto contou cun orzamento provincial de 176.300 euros.
Formoso aproveitou a visita para pedir desculpas polas molestias ocasionadas e sinalou a irresponsabilidade "dalgunhas empresas, que provocan danos á veciñanza, que ten que soportar, neste caso, o corte da ponte durante meses". O presidente provincial remarcou ademais que a ampliación desta ponte "cambia a vida dos veciños e veciñas, ofrecéndolles un nivel de seguridade viaria moi superior á que tiñan". González Formoso destacou como "unha das nosas prioridades" seguir investindo na mellora das estradas provinciais e das súas pontes, boa parte delas moi antigas, polo que necesitan adaptarse á época actual.
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, agradeceu a "paciencia" dos veciños e veciñas e a visita do presidente, así como o investimento dedicado a estas obras, ofrecendo a colaboración do Concello para o que fose necesario. A rexedora sinalou que o municipio de Lousame ten moito que ofrecer "pero os servizos custan moito. Temos moitas vías provinciais e necesitamos que se siga actuando nelas, como xa se fixo a fase de Aldea Grande.

Nova ponte de 12 metros e paso peonil seguro

Os traballos, moi demandados pola veciñanza, permitiron ampliar a plataforma da ponte sobre o rego Pesqueira de 5 a 12 metros e ofrecer un itinerario peonil seguro para os veciños.

As reducidas dimensións da ponte que atravesaba o rego Pesqueira obrigaban aos viandantes a circular polas beiravías sen pavimentar ou polo borde da calzada, o cal poñía en risco a súa seguridade. A nova ponte conta agora con beirarrúas de 2,25 metros de ancho en cada marxe, recubertas con baldosa hidráulica, permitindo así cruzar a pé con total seguridade.

Así mesmo, o ancho da nova plataforma conta con dous carrís de 3,5 metros para a circulación de vehículos. As obras financiadas pola Deputación incluíron o acondicionamento da estrada DP-4202, para ampliar gradualmente o ancho da calzada ata alcanzar os 12 metros nas inmediacións da nova ponte.

A nova ponte configura unha estrutura dun único vano, respectando a tipoloxía do viaduto actual. Os taboleiros están formados por dúas vigas en dobre T sobre as que se dispuxo unha lousa de formigón armado de 25 cm de espesor.

Así mesmo, formáronse cunetas para evitar a acumulación de auga nos laterais da calzada, e dotouse á ponte dunha sección hidráulica suficiente para facer fronte a grandes cantidades de auga.

Por último, reforzouse a capa de firme tanto nas inmediacións coma na propia ponte, mediante un fresado de profundidade que permitiu a incorporación dunha capa de base e outra de rodaxe.

Páxinas suxeridas