Estás en:Novas

A Deputación pon en marcha ‘LabCareixa’, un laboratorio de teatro experimental e artes visuais

Trátase dun proxecto no que participan 5 artistas de diferentes disciplinas para crear de xeito colectivo unha peza escénica, de carácter performático, baseada nun texto dramático de Luísa Villalta

O proxecto desenvolverase ao longo de dous meses e o resultado final exhibirase publicamente no pazo de Mariñán

A Deputación pon en marcha ‘LabCareixa’, un laboratorio de teatro experimental e artes visuais

O Pazo de Mariñán acollerá a partires do 1 de marzo as cinco artistas que participarán no proxecto LabCareixa, un laboratorio de teatro experimental e artes visuais que organiza a área de Cultura da Deputación da Coruña. O proxecto, comisariado por Sergio Marey, baséase nun novedoso proceso de experimentación, formación e creación artística colectiva, e o resultado final de todo o proceso será a construción e presentación dunha peza escénica, de natureza performática, que se exhibirá publicamente en Mariñán no mes de abril.

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, indica que este novo proxecto nace coa idea de "continuar na liña de apoio á creación artística que vén desenvolvendo a Deputación desde hai anos". Deste xeito, ás convocatorias periódicas de certames culturais que convoca a Deputación, este ano 2022 sumaránselle novas iniciativas que terán o pazo de Mariñán como punto de encontro. A primeira delas é o LabCareixa que, en palabras de Xurxo Couto "nace coa idea de fomentar o diálogo entre creadores e creadoras novas do campo visual, escénico e plástico".

"LabCareixa concíbese como unha ferramenta para as novas artistas galegas coa cal poidan traballar en grupo, nunha disciplina que non é a súa habitual como é o teatro" asegura Sergio Marey. O comisario define o proxecto como "un lugar de encontro e creación de sinerxias a través da arte" e engade que "este Lab quere ser unha nova maneira de concibir o teatro, de crear teatro contemporáneo galego achegándoo á mocidade".

O proceso
Do 1 ao 4 de marzo, as artistas reuniranse no pazo de Mariñán para traballar en base a un texto dramático de Luísa Villata co obxectivo final de crear unha peza teatral experimental. "A idea é dar tamén a coñecer as dramaturgas da literatura galega, pois dentro da nosa escrita é un xénero bastante esquecido, xa non só as artistas senón a sociedade en xeral" explica Sergio Marey.

Esta primeira parte do proceso creativo tamén inclúe dúas masterclass de artistas con relevancia dentro do mundo teatral. Así, está previstas a participación de Afonso Becerra (dramaturgo, mestre da ESAD Galiza e director da revista teatral Erreguete), MissBeige (periodista, actriz e performer) e Xron (director artístico de Chévere).

Tras esta convivencia as artistas traballarán durante mes e medio na peza final que crearán e que se presentará en abril no mesmo pazo, nunha representación aberta ao tipo de público.

Charlas abertas ao público
Ademais das masterclass, MissBeige e Xron darán charlas abertas ao público na Coruña, co obxecto de achegar o teatro á sociedade.

A primeira terá lugar o mércores 2 de marzo, ás 19h, na Casa Museo Casares Quiroga e correrá a cargo de MissBeige. Ao día seguinte, xoves 3 e tamén ás 19h, a charla correrá a cargo de Xron e terá lugar no Monty Ambigú.

Sergio Marey, que ademais é co-director do espazo de arte A Solaina, conta neste proxecto coa produción de Antía Carreira e Breogán Martínez.