Estás en:Novas

A área de Igualdade da Deputación promove a representación de ‘Feminísimas’ no Teatro Colón

Esta actividade enmárcase na promoción dunha cultura igualitaria, inclusiva e de rexeitamento das violencias machistas, que recolle a Diagnose e plan de acción das políticas de igualdade de xénero que aprobou a institución provincial para o período 2019-2023

A área de Igualdade da Deputación promove a representación de ‘Feminísimas’ no Teatro Colón

A área de Igualdade da Deputación da Coruña, que xestiona a deputada María Muíño, promove a representación da obra teatral 'Feminísimas' no Teatro Colón. A cita terá lugar o vindeiro xoves 24 de febreiro ás 20 horas e a entrada será de balde, previa retirada de convite a través da web do Colón.

Esta proposta escénica é unha das actividades que se realizan desde a área provincial de Igualdade co obxecto de promover unha cultura igualitaria, inclusiva e de rexeitamento das violencias machistas, que se recolle na Diagnose e plan de acción das políticas de igualdade de xénero que aprobou a institución provincial para o período 2019-2023. "Trátase de fomentar a reflexión sobre o rol de mulleres e homes na sociedade actual desde distintos ámbitos e a través de propostas o máis diversas posibles, para chegar a un espectro de público tamén o máis amplo posible" asegura a deputada de Igualdade, María Muíño.

'Feminísimas' é unha creación colectiva a cargo de Esther F. Carrodeguas, Noelia Blanco, Stephy Llaryora e Xavier Castiñeira, na que a travées do humor e da ironía poñen a proba a amizade mentres analizan de que xeito as mulleres conviven no novo contexto feminista actual e nas diferentes perspectivas que implica: feminismo radical, feminismo liberal e teoría queer.