Estás en:Novas

Formoso supervisa as obras de renovación integral da estrada de Ares a Chanteiro, nas que a Deputación inviste 1,6 millóns

Valentín González Formoso visitou hoxe, acompañado polo alcalde de Ares, Julio Iglesias Redondo, a segunda fase das obras de ampliación e mellora da DP-0402, coa que se ampliará outro quilómetro da estrada

"Con esta actuación a Deputación dá continuidade aos traballos xa realizados nos primeiros 3,6 km e cumpre co compromiso adquirido coa veciñanza", afirma o presidente

Formoso e Iglesias anunciaron que hoxe asinouse o contrato para a construción dunha senda peonil de 2,2 km que conectará Ares e Redes

Formoso supervisa as obras de renovación integral da estrada de Ares a Chanteiro, nas que a Deputación inviste 1,6 millóns

As obras en execución desde finais de xaneiro, avanzan a bo ritmo

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, comprobou hoxe, acompañado do alcalde de Ares, Julio Iglesias Redondo, a execución das obras segunda fase das obras de ampliación e mellora da estrada provincial DP-0402 de Ares a Chanteiro.

Na visita, González Formoso sinalou que estas tarefas darán continuidade aos traballos de mellora xa realizados pola Deputación nos primeiros 3,6 quilómetros da vía, cumprindo así co compromiso adquirido co alcalde e a asociación veciñal de Chanteiro. "Complétamos así unha actuación integral de ampliación e mellora na estrada, na que a Deputación investiu 1,6 millóns de euros".

O presidente provincial agradeceu "a xenerosidade dos veciños e veciñas de Chanteiro, que están colaborando para que se leve a cabo a execución das obras, facendo posible a creación dunha nova estrada que dará nova vida a unha zona preciosa, pero que tiña un difícil acceso, cun trazado estreito e moitas curvas, situación que agora por fin se resolve por completo con esta segunda fase das obras".

Pola súa banda, o rexedor de Ares, Julio Iglesias Redondo, destacou que o compromiso da Deputación na "mellora das vías provinciais no municipio está absolutamente satisfeito" con esta actuación e coa que se vai realizar para dotar de beirarrúas a estrada DP-0401 de Ares a Redes. "Son as vías que ten a Deputación no noso concello", unhas estradas "fundamentais para conectar os núcleos de Chanteiro e Redes".

O proxecto desta segunda fase da ampliación da DP-0402 conta cun importante orzamento de 726.053 euros que permitirá ampliar o tramo que vai do PK 3+700 ao 4+700, dos cinco aos sete metros de ancho para facilitar o cruce de vehículos de gran tamaño, así como o xiro dos coches. O espazo será tamén dotado de novos espazos para os peóns con beiravías e sendas en ambas marxes, desde o pk 3+700 ata o 4+450 e só pola marxe dereita nos últimos 250 metros deste tramo da estrada.

Adxudicadas as obras para conectar cunha senda peonil Ares e Redes

O presidente provincial anunciou tamén que hoxe mesmo asinouse o contrato para executar a nova senda que conectará Ares e Redes, na estrada DP-0401. "Hoxe é un día moi especial para Ares porque acabamos de asinar o contrato de adxudicación das obras dunha beirarrúa que vai permitir aos camiñantes poder percorrer este tramo de forma segura. Trátase dunha vía moi transitada, especialmente no verán, porque dá acceso ao núcleo de Redes e a praias importantes do municipio", informou González Formoso.

As obras supoñen un importante investimento de 748.038 euros e implicarán unha notable mellora da seguridade peonil, xa que a vía actual carece de beiravías, a pesar de tratarse dunha zona moi transitada, especialmente nos meses de verán, xa que dá acceso ao núcleo de Redes e a praias coma as do  Raso ou Seselle.

Os traballos suporán a construción dunha senda de dous metros de ancho sobre a marxe dereita dese o punto quilométrico 0+140 ao 2+980 e logo sobre a esquerda do 2+960 o 3+200 para evitar afeccións ao peche da Villa Santa Amalia. Un total de 3,2 quilómetros de beirarrúas. As tarefas construirán tamén un muro de contención entre os puntos quilométricos 2+636 e o 2+650 para evitar a invasión excesiva das parcelas anexas. Así mesmo incluiranse nas tarefas a ampliación da drenaxe existente, instalacións de nova sinalización e reposición de pavimentos afectados.