Estás en:Novas

A Deputación financia a través do Plan Único a mellora dos vestiarios e do muíño da praia fluvial de Tapia, en Ames

O proxecto, valorado en 127.563,56 euros, permitirá substituír as actuais cubertas destas infraestruturas e, no caso do muíño, instalar iluminación interior e unha porta de acceso

O prazo de presentación de ofertas no proceso de licitación pública aberto no perfil do contratante municipal remata o 4 de abril

A Deputación financia a través do Plan Único a mellora dos vestiarios e do muíño da praia fluvial de Tapia, en Ames

A Deputación da Coruña financia na súa totalidade, a través do Plan Único, un proxecto valorado en 127.563,56 euros para a mellora dos vestiarios e do muíño situados na praia fluvial de Tapia, no Concello de Ames.

No caso dos vestiarios a actuación consistirá na substitución da actual cuberta e da estrutura de madeira que a soporta, que está en mal estado debido ás filtracións de auga, por un novo teito de fibrocemento de cor tella e unha estrutura de madeira laminada.

Por outra banda, no muíño tamén se renovará a cuberta por outra de lousa e, ademais, durante a execución dos traballos aproveitarase para instalar unha porta de acceso e de iluminación interior, elementos dos que carecía ata o de agora.

O prazo de presentación de ofertas no proceso de licitación pública aberto no perfil do contratante do Concello de Ames remata o 4 de abril.