Estás en:Novas

A Deputación financia con 67.621 euros a mellora da seguridade viaria na rúa Coruña, en Noia

A actuación permitirá mellorar o firme, relocalizar os pasos de peóns mellorando ademais a súa accesibilidade e recuperar a altura da beirarrúa

O orzamento é de 84.527,05 euros, dos que a o ente provincial achegará 67.621,64 euros

A Deputación financia con 67.621 euros a mellora da seguridade viaria na rúa Coruña, en Noia

A Deputación da Coruña levará ao pleno deste venres, 25 de marzo, o convenio co Concello de Noia para financiar o proxecto para a mellora da seguridade viaria na rúa Coruña, unha das vías principais de acceso ao municipio.

A actuación, que está valorada en 84.527,05 euros dos que a Deputación achegará 67.621,64 euros, o 80% do orzamento, permitirá mellorar a seguridade de vehículos e peóns nunha rúa interior da zona urbana de Noia que é moi utilizada xa que, por unha banda, conta cunha elevada actividade comercial e, pola outra, une as vías AC-550 e AC-311.

Os traballos que se han levar a cabo incluirán, ademais da renovación do firme e da reposición da sinalización horizontal que actualmente está practicamente borrada, a relocalización de dous pasos de peóns que, pola pouca visibilidade que teñen, ofrecen certo risco para o paso das persoas maiores.

Ademais, noutros tres lugares de paso axustaranse os pasos de peóns co obxectivo de mellorar a súa accesibilidade. Por último, e debido a que en obras anteriores foise subindo a cota do firme sen modificarse a das beirarrúas, realizarase unha escarificación da plataforma para que os itinerarios dos peóns gañen en altura.